CRTVG

Buscar

Feijóo pídelle a Calviño unha repartición dos fondos europeos "independente"

Publicado o 30/04/2021 16:09

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, saíu "satisfeito" da reunión "positiva" e "frutífera" que mantivo este venres en Madrid coa vicepresidenta segunda do Goberno, Nadia Calviño. "A ver se podemos concretar as próximas semanas, meses, o que hoxe falamos", aseverou.

En concreto, Núñez Feijóo trasladoulle a Calviño os 354 proxectos da proposta de Galicia para optar aos fondos europeos de recuperación Next Generation, ademais do pacto de Estado que propón a Xunta para a comarca de Ferrolterra.

Segundo informou o presidente galego á saída do encontro, de case dúas horas, tamén comentaron decisións que o Executivo autonómico "non comparte", como o peche "precipitado" da central térmica das Pontes ou a afectación da lei de cambio climático á planta Ence na ría de Pontevedra.

Outro asunto abordado na cita foi o Xacobeo e as "posibilidades de buscar fondos na administración xeral do Estado para este evento extraordinario que afecta a toda España", asegurou. Feijóo considera que "non tería ningún sentido unha discriminación" neste ámbito.

Reparcición independente

Convencido de que "a reconstrución económica pasa por proxectos sólidos sometidos á concorrencia e a unha competencia sa", o presidente galego chamou a "que se financien os mellores proxectos", con "independencia dos territorios" que os formulen e de "determinados intereses políticos".

"Non hai máis interese político que recuperar empregos", sentenciou, antes de apelar a que o criterio de repartición dos fondos europeos sexa fixarse en iniciativas que "traian financiamento privado e supoñan creación de emprego".

Feijóo considera que Calviño coñece a realidade galega e "sabe que estas cousas son moi complexas" e "non convén politizar o que non é politizable". "O que convén é obxectivizar proxectos", reiterou, antes de insistir na súa postura a favor de que os recursos europeos se distribúan en base a "principios de competitividade, de solvencia e de investimento privado".

Pacto de Estado por Ferrolterra

Sobre Ferrolterra, lamentou que sexa unha comarca "especialmente castigada, na súa opinión, por unha serie de decisións" do Goberno central que o Executivo autonómico "non comparte".

Ademais do peche das Pontes, aludiu á falta de carga de traballo en Navantia, que atribuíu ao "incumprimento dos compromisos do Goberno" con este estaleiro público. Ademais, sinalou o peche de Siemens Gamesa, cuestión que asegura non entender "cando España está a formular novos parques eólicos".

"Propuxemos un pacto de Estado. Necesitamos que o Goberno de España, Deputación, concellos e a Xunta nos sentemos para buscar máis carga de traballo para Navantia", urxiu, antes de apuntar á necesidade dun barco ponte antes de que comecen os traballos nas fragatas aprazadas ao ano 2022. Xunto a isto, tamén avogou por situar nesta comarca proxectos que se nutran dos fondos Next Generation.