CRTVG

Buscar

Haberá que usar máscara nas discotecas e deixar o teléfono por se hai brotes

Publicado o 25/06/2020 20:15

As discotecas e outros locais de lecer nocturno reabrirán en Galicia a partir do 1 de xullo como estaba previsto, pero será obrigatorio utilizar máscara e que os responsables dos establecementos velen por que os clientes deixen un número de teléfono e poder ser localizados no caso de que se rexistre un brote de coronavirus.

A ocupación permitida será de dous terzos. En opinión do presidente, Alberto Núñez Feijóo, quen lembrou que o Goberno xa deixaba abrir discotecas previamente, esta actividade é "de alto risco" en relación a posibles rebrotes, pero subliñou que hai "un pacto de compromiso" e unha relación "de confianza" da Xunta co sector, co fin de facer compatible a saúde pública coa recuperación económica.

Iso si, se non funciona, advertiu que se anulará a orde e volveranse a pechar estes establecementos. De feito, indicou que nas discotecas poderá haber inspeccións por parte de Consumo, Saúde Pública ou calquera policía dos distintos corpos de seguridade "en calquera instante".

"Haberá unha especial vixilancia", sentenciou, aínda que considera que son máis perigosos os "botellóns nocturnos" que teñen lugar nalgunhas localidades da comunidade e pediu a colaboración do resto de administracións e tamén que as forzas de seguridade sexan "implacables" con quen vulnere as medidas de seguridade.

"Sabemos que se as discotecas cumpren coas medidas son bastante máis seguras que os chamados botellóns nocturnos que hai nalgúns concellos. É un disparate que se fagan. Se sempre estiveron prohibidos, agora mesmo son un atentado contra a saúde pública e pedimos a colaboración de todas as administracións para impedilos", demandou.

Reforzo uso da máscara

Á marxe dos locais de lecer nocturno, Feijóo avanzou que se aumentará en todos os ámbitos a ocupación máxima, por exemplo nas praias ou nos parques infantís: pasaría dunha persona por cada catro metros cadrados a unha persona por cada tres metros cadrados.

Pero con dous rebrotes constatados nos últimos días na Comunidade, a Xunta tamén prevé reformular determinadas directrices e darlles maior contundencia na redacción, co fin de salientar a súa importancia. Así, reforzarase  "a obrigatoriedade do uso da máscara (cuxas pautas regula un decreto estatal) e incidirase na necesidade de que os sintomáticos comuniquen a súa situación.

Tamén se reforzarán os mecanismos de control e seguimento ante posibles casos positivos. En canto ao "reforzo" para que se use a máscara, por consello do comité clínico cambiarase a "formulación" da redacción sobre a súa utilización na normativa galega, para incidir na súa importancia.

Así, lembrarase que é obrigatorio o uso de máscara en primeiro termo e despois que a excepción será que se cumpra a distancia de seguridade, e non ao revés. Non usar a máscara na rúa cando non se cumpra coa distancia de seguridade ou non facelo nun local de lecer nocturno onde será obrigatoria carrexará sancións administrativas.

Feijóo desvincula o levanamento do estado de alarma dos brotes

Feijóo augurou que "haberá máis brotes", pero tamén defendeu a boa situación epidemiolóxica da Comunidade, e subliñou que o ministro de Sanidade, Salvador Illa, e o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, destacaron que a xestión de Galicia fora "excelente".

Neste sentido, preguntado sobre a postura do ministro de Transportes, José Luís Ábalos, nunha entrevista con La Voz de Galicia, o presidente galego incide en que o dirixente estatal "tivo que atender unha chamada" cando se lle preguntou respecto diso, e indicou que, entre a opinión do responsable de Mobilidade do Goberno e a de quen xestionaron a pandemia, queda coa segunda. "Se eles dixeron que a xestión foi excelente e que entendían que Galicia saíse da alarma unha semana antes, nada que engadir. Se outro ministro opina de forma distinta, deberían analizalo entre eles", dixo.

Ao tempo, desvinculou os brotes galegos desa decisión de anticipar a saída de Galicia do Estado de alarma. Segundo explicou, o primeiro (o de Ribeira) produciuse aínda co estado de alarma activado, o que está vinculado cunha persona que viaxou desde Brasil vía aérea de Lisboa, desde alí a Vigo en autobús e, despois, até o seu domicilio.

O segundo, o da Mariña, ligouno cunha celebración. Pero, ao seu xuízo, ninguén pode vincular os brotes con levantar o estado de alarma salvo que o faga "de mala fe".

 

 

Noticias web

25/06/2020