Feijóo pide que o regulamento pesqueiro europeo se adapte ás embarcación galegas
EFE
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou este luns ao comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca da Comisión Europea, Virginijus Sinkevicius, que o Regulamento do Control de Pesca ten que axustarse ao "porfolio" dos barcos que traballan en Galicia.
"En Galicia hai 3.900 embarcacións das que mil son dun ou dous tripulantes, por tanto o Regulamento ten que ter a elasticidade para acoller con criterio de proporcionalidade as esixencias a esa frota", dixo o presidente durante unha vista ás illas Cíes en que tamén participou, entre outras autoridades, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas.
O titular de Goberno galego sinalou, ademais, que Galicia quere participar na elaboración da Política Pesqueira Común que verá a luz en 2022 e que o fará con "propostas científica e bioloxicamente axustadas", así como co apoio permanente do Consello Galego de Pesca.
Ademais, aproveitou a visita ao Parque Natural das Illas Atlánticas para destacar o compromiso de Galicia co medio ambiente.
"Somos un pobo pesqueiro desde o principio dos tempos. Interésanos a pesca legal, loitar contra o furtivismo; interésanos que se cumpra a regulamentación da UE, a protección dos océanos, dos nosos caladoiros", díxolle Feijóo ao comisario europeo, ao que fixo ver que ten en Galicia un aliado pola pesca sustentable porque é o que posibilita que a comunidade sexa a primeira potencia pesqueira europea.