CRTVG

Buscar

Feijóo pedirá a Sánchez regular a obrigatoriedade das máscaras FFP2

Publicado o 27/01/2021 13:25

O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo anunciou este mércores que o vindeiro venres pedirá ao presidente do Goberno Pedro Sánchez un "consenso nacional" sobre o teletraballo e "directrices claras" para obrigar ao uso das máscaras FFP2 en determinados contextos.

Nunha comparecencia no pleno do Parlamento, a pedimento do BNG, dixo que, na súa opinión, si que deberían ser obrigatorias estas máscaras no transporte público, por exemplo, pero instou a "concretalo para España para non volver facer o ridículo como na primeira vaga".

Así o explicou na súa segunda intervención, en que tamén puntualizou que pedirá a Sánchez, a este respecto, concretar "en que limiares e en que contextos" son necesarias. "En que momentos, non digo sempre en ningún caso, se debe obrigar á FFP2", afirmou.

Tamén advertiu de que habería que establecer medidas económicas, porque unha máscara FFP2 "custa moito máis ca unha cirúrxica".

Nuñez Feijóo insistiu en reclamar ao Goberno que "recapacite" e asuma a súa responsabilidade fronte á pandemia, por esa raazón informou de que volverá esixirlle a Sánchez na súa reunión de pasadomañá que permita flexibilizar o toque de recollida para que cada comunidade autónoma poida adaptalo á súa situación.

Entre as seis peticións que Feijóo exporá ao presidente do Goberno tamén está un calendario claro de vacinación e que se distribúan as vacinas en función da porcentaxe de poboación diana, e que os fondos europeos se repartan de maneira "transparente", como o sistema de financiamento autonómico, polo que a Galicia lle corresponderían 570 millóns de euros máis.

Ademais, pedirá a Sánchez establecer un "marco normativo adecuado" para xestionar a pandemia e non seguir recorrendo a denominacións "excepcionais" como estado de alarma e toque de recollida.

Para todas estas reclamacións pediu o apoio dos grupos parlamentarios e "acordalas" nesta comparecencia ou que, en todo caso, lle dean "orientación" desde a oposición sobre se lles parecen ben estas propostas ou se expoñen algunha variación.

Feijóo acusa a oposición de "contradicións" e de "tentar enganar"

O presidente da Xunta cargou contra a postura da oposición —BNG e PSdeG— durante a terceira onda da pandemia porque, ao seu xuízo, as críticas que lanzan contra o Goberno autonómico están cheas de "contradicións" coas que "tentar enganar" a cidadanía.

Na quenda de réplica durante a súa comparecencia, Núñez Feijóo dixo que entendería que nacionalistas e socialistas criticasen "aquilo que facemos mal para mellorar", pero o que non lle parece razoable é que se cargue contra o que se fai mellor que no resto de territorios do Estado.

A este respecto, o presidente galego sostén que a estratexia para salvar o Nadal foi marcada polo Goberno estatal, mentres que Galicia optou mesmo por ser máis restritivo que o resto de autonomías, xa que só en Valencia as medidas foron máis prohibitivas que na comunidade galega.

Asegurou que o seu Goberno adopta todas as medidas que os membros do comité clínico aconsellan e a lexislación permite, polo que non comprende que algunhas das formulacións da oposición sexan medidas que o actual estado de alarma non permite.

Neste sentido, respecto á petición do BNG sobre un confinamento domiciliario, Núñez Feijóo considerou que Ana Pontón está "moi cómoda no papel de comentarista da pandemia" desde "a moqueta do seu escano" onde tenta "confundir" a cidadanía esixindo decisións que a Xunta non pode tomar.

Núñez Feijóo tamén se dirixiu ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, a quen lle censura as súas declaracións defendendo a xestión do Goberno central respecto á repartición de vacinas ou de fondos europeos que prexudican a Galicia.

"Hai declaracións que só podo entender desde o descoñecemento ou desde a vontade de enganar a cidadanía. Ou non cre o que di ou simplemente tenta tomarnos o pelo", espetou o xefe do Executivo autonómico a Caballero.

Pola súa banda, Pontón acusou o presidente galego de "manipular" as súas palabras "sistematicamente" e reprochoulle que trate de facer pasar por "asumible" a cifra de 1.649 persoas falecidas ao comparala coa taxa de mortalidade en España.

Do mesmo xeito, cominouno, unha vez máis, a recoñecer que se equivocou no seu afán por "salvar o Nadal" e, sobre as súas propostas de modificacións legais, resolveu que "a pandemia non se vai combater cunha lei que o único que fai é multar os galegos" no canto de reforzar os servizos públicos, os sistemas de rastrexo ou os plans de vacinación.

Mentres tanto, Caballero considerou "preocupante" o contido das intervencións de Núñez Feijóo ao ver nel un presidente "que non deu resposta" ás preocupacións dos galegos e que evade as súas responsabilidades en calquera tema.

Do mesmo xeito que Pontón, o dirixente socialista instou ao titular da Xunta a recoñecer os seus erros e, para concluír, pediulle que aproveite a próxima reunión co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para comezar a "traballar con lealdade" e en prol dun "acordo do país".