A Xunta dará maior puntuación ás empresas que faciliten a conciliación
No Parlamento de Galicia teñen xa a vista posta no próximo 8 de marzo, Día Internacional da Muller. No debate desta mañá, o presidente da Xunta anunciou unha nova medida a prol da conciliación. Consiste nun selo de calidade que se lles concederá ás empresas que teñan plans de conciliación. E para que servirá esta marca? Pois para ter máis puntos nas contratacións e concursos públicos coa Administración galega. A medida estará incluída na próxima Lei de revitalización demográfica.
Núñez Feijóo fixo este anuncio no medio dun debate cos tres voceiros da oposición, que criticaron as políticas de igualdade postas en marcha pola Xunta. Amais de lembrar as medidas postas en marcha durante estes anos, o presidente da Xunta asegurou que a mellor política de igualdade é loitar por mellorar as condicións do emprego feminino.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu este mércores no Parlamento galego as súas políticas de igualdade e conciliación e asegurou que "nunca en Galicia houbo máis medidas a favor da igualdade real entre homes e mulleres" que cos gobernos que presidiu desde 2009.
Núñez Feijóo replicou, deste xeito, aos líderes da oposición durante a sesión de control na Cámara autonómica, en que ambos cuestionaron as políticas da Xunta ante a celebración do próximo 8 de marzo e a convocatoria dunha nova folga de mulleres.