CRTVG

Buscar

Feijóo non irá aos actos do 12 de outubro para preparar o debate de política xeral

Publicado o 09/10/2021 19:03
Feijóo non irá aos actos do 12 de outubro para preparar o debate de política xeral

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non acudirá o vindeiro martes a Madrid aos actos oficiais polo Día da Hispanidade. Segundo informaron fontes do Goberno galego, terminará de preparar esa xornada o debate de política xeral, tamén denominado da autonomía, que comeza no Parlamento galego ao día seguinte.

Trátase do primeiro debate da lexislatura destas características, xa que hai un ano que se constituíu a cámara autonómica tras as eleccións de xullo de 2020 nas que o PPdeG, con Núñez Feijóo á fronte, logrou a súa cuarta maioría absoluta consecutiva.

O último debate celebrouse en 2019, naquela ocasión con cinco grupos parlamentarios na cámara autonómica: PPdeG, PSdeG, Grupo Común da Esquerda, BNG e Mixto. Este ano participarán tres grupos no debate -PPdeG, BNG e PSdeG- e terá a mesma estrutura que en anos anteriores.

Deste xeito, o presidente galego intervirá o mércores 13 pola mañá por tempo ilimitado, aínda que os seus discursos neste tipo de debates adoitan durar entre unha hora e corenta minutos e dúas horas.

Xa pola tarde retomarase a xornada coa intervención da voceira nacional do BNG, Ana Pontón, en primeiro lugar; e do portavoz do PSdeG, Gonzalo Caballero, en segundo lugar, a quen posteriormente contestará Núñez Feijóo. A continuación haberá unha nova quenda para os líderes da oposición e outro máis para o presidente galego.

Os grupos poderán rexistrar as súas propostas de resolución durante a xornada do xoves e votaranse o venres, unha vez renovado o debate. Está por ver se a esta cita o Goberno galego chega xa cun novo responsable de Facenda, tras o repentino falecemento o mércores pasado de Valeriano Martínez. De momento, este sábado conclúe a terceira xornada de loito oficial decretada pola Xunta.

Noticias web

09/10/2021