CRTVG

Buscar

Feijóo nega a verosimilitude de Bárcenas na súa "estratexia de defensa"

Publicado o 05/02/2021 14:20
Feijóo nega a verosimilitude de Bárcenas na súa "estratexia de defensa"

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, negou este venres a  verosimilitude do extesoureiro do seu partido Luis Bárcenas, na súa "estratexia de defensa", en alusión ao escrito remitido á Fiscalía Anticorrupción días antes de ser xulgado de novo.

"Non creo que teña moita verosimilitude o testemuño dunha persoa que está a utilizar unha estratexia lexítima, de defensa, ante determinadas inculpacións", afirmou Feijóo, que apenas se desviou do que dixo onte tras a reunión semanal do seu gabinete.

"Hai unha persoa condenada por unha serie de actitudes delituosas e ten unha estratexia de defensa, que se basea maioritariamente na súa autoexculpación. É perfectamente lexítimo", indicou o líder do PP galego.

"Desde a tranquilidade vaiamos vendo como se desenvolve este sumario, que por certo leva máis dunha década aberto. Seguiremos, como é natural, respectando as decisións xudiciais", engadiu, pero entre onte e hoxe "non hai novidades nin as haberá nos próximos meses".

Polo demais, insistiu no argumento de que "empezar a facer comentarios sobre a estratexia de defensa ou exculpatoria dunha persoa que nestes momentos está ante a xustiza e que xa ten condenas previamente non forma parte do debate político, polo menos non do meu".

"Acepto o que diga a xustiza e as responsabilidades que haxa que haxa que asumir", resolveu.