CRTVG

Buscar

Feijóo muda a cúpula de Sanidade e Política Social e os delegados territoriais

Publicado o 17/09/2020 19:10
Feijóo muda a cúpula de Sanidade e Política Social e os delegados territoriais

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou cambios nos principais cargos directivos na segunda escala de organización das consellerías de Sanidade e Política Social, os departamentos autonómicos sobre os que recaeu o peso, ata o momento, da xestión da pandemia da covid−19.

Deixan o cargo en Sanidade o ata o de agora xerente do Sergas Antonio Fernández-Campa, o director xeral de Saúde Pública Andrés Paz-Ares e a responsable de Recursos Humanos do Sergas Margarita Prado. Deste xeito, Julio Flores asume a Xerencia do Servizo Galego de Saúde, Carmen Durán Parrondo a Dirección Xeral de Saúde Pública e Ana María Comesaña a área de recursos humanos.

En Política Social, a consellería en que se crea a Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria que exercerá o doutor Antón Acevedo, haberá substitución na área de Maiores e Persoas con Discapacidade e en Familia, nas que Ildefonso de la Campa e María Amparo González serán substituídos por Jacobo Rey e Fernando González Abeijón.

A nova dirección  encargarase de "perfeccionar os mecanismos de atención nos centros de maiores", ademais de avanzar no obxectivo de "repensar" o modelo de residencias da terceira idade da comunidade autónoma tras o ocorrido nos últimos meses. 

Son parte dos 19 nomeamentos efectuados no Consello de la Xunta deste xoves e dos que deu conta o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, nunha conferencia de prensa en que xustificou as substitucións en Sanidade coa entrada dun novo conselleiro, Julio García Comesaña, e a configuración do seu propio "equipo".

Todo iso dentro da nova estrutura orgánica do Executivo galego para a lexislatura recentemente arrancada, que estará enfocada, en palabras do mandatario galego, "como non pode ser doutra forma", na xestión da pandemia no plano sanitario e na reactivación económica. 

Cinco nomeamentos dos 19 efectuados este xoves polo Consello corresponden ás delegacións territoriais da Xunta, que terán caras novas tras a substitución de José Manuel Balseiro (na de Lugo desde 2016), José Manuel Cores Tourís (en Pontevedra desde 2009), Marisol Díaz Mouteira (na ourensá desde 2015) e Corina Porro (en Vigo desde 2019). Todos eles teñen acta de deputado no Parlamento.

O deputado Gonzalo Trenor ocupará a delegación da provincia da Coruña; a excaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, a área luguesa; o profesor en Educación Física e coordinador do grupo popular na Deputación de Ourense, Gabriel Alén, a de Ourense, e a exdirectora de Administración Local Marta Fernández-Tapias, a de Vigo.