CRTVG

Buscar

Feijóo lamenta o atraso nos cribados nos aeroportos e Aena culpa a Xunta

Publicado o 24/03/2021 14:21

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mostrou este mércores a súa "preocupación" porque leva "semanas tentando solicitar" á Delegación do Goberno que autorice facer probas en aeroportos e estacións de ferrocarril e Aena, á súa vez, culpa do atraso ao Goberno galego.

Fontes do xestor aeroportuario indicaron a Efe que en marzo o Executivo galego enviou unha proposta, á que se lle dixo que si, e acto seguido remitiuse á administración autonómica un convenio similar ao asinado con Baleares e Canarias que fan estes cribados desde hai meses.

A versión de Aena é que non obtiveron contestación ata o pasado martes pola tarde e con "reticencias".

A Xunta avanzou este mes que faría probas no aeroporto e a estación da Coruña, a área sanitaria máis prexudicada pola covid-19, para controlar a chegada de viaxeiros.

Durante a sesión de control no Parlamento galego, Núñez Feijóo remitiu ás explicacións máis detalladas que daría o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sobre este tema na conferencia de prensa que ofreceu este mediodía para informar das decisións adoptadas pola Xunta tras a última reunión do comité clínico.

En calquera caso, indicou que a Delegación do Goberno comunicou á Xunta que o tema está "en trámite" e que depende do visto e prace do consello de administración de Aena, xestor aeroportuario, "que se reúne unha vez ao mes".

Comesaña, na súa comparecencia, contou que seguen sen luz verde e que a última noticia que teñen é que "ata despois de Semana Santa non podemos iniciar cribados".