Feijóo censura a deriva "radical" de Pontón, que acusa o presidente de "trumpismo"
• Caballero culpa os gobernos do PP das peaxes abusivas e Feijóo acúsao de "trabucar e mentir"
O presidente da Xunta reprochoulle a Ana Pontón a súa "deriva independentista" tras o manifesto sobre o 23-F que o BNG apoiou este martes no Congreso dos deputados. Alberto Núñez Feijóo instouno a aclarar se está de acordo con ese texto.
Na sesión de control ao Goberno no Parlamento de Galicia, ambos os dous protagonizaron un novo enfrontamento no que Feijóo acusou a líder nacionalista de representar o BNG "máis radical e lamentable" da historia. Segundo Pontón, o presidente é o que está cada vez "máis radical e máis nervioso", e acusouno de estar a actuar coma o "Trump de Galicia".
Ana Pontón, voceira do BNG, acusa a Feijóo de ocultar a súa "nefasta xestión" facendo "trumpismo". O presidente replica afeando a postura crítica do Bloque coa monarquía e o sistema. "Nunca xamais vin neste parlamento un pronunicamento tan descarado, lamentable e vergonzoso", di. pic.twitter.com/51gZ4321N5
— G24 (@G24Noticias) February 24, 2021
A voceira nacionalista recriminoulle o seu "trumpismo político" por considerar que vén ás sesións de control "difamar e enlodar". Pola súa banda, Feijóo convidouna a non dar leccións de democracia "sendo o seu partido socio de ERC e de EH-Bildu".
O que comezou como unha pregunta sobre a xestión da pandemia, converteuse nun cruzamento de descualificacións cunha reprimenda do presidente do Parlamento incluída. Miguel Santalices chamoulle a atención a Pontón por terlle entregado a Feijóo un documento en papel sen pasar primeiro polas preceptivas medidas de hixiene sanitaria.
Reprimenda do presidente do Parlamento, Santalices, a Ana Pontón logo de que a líder do BNG se achegara ao asento do presidente Núñez Feijóo para entregarlle un documento. pic.twitter.com/ypQrABfPgp
— G24 (@G24Noticias) February 24, 2021
Tirapuxa polas peaxes e a transferencia da AP-9
O presidente da Xunta denunciou que o Goberno central lle enviara un requirimento para que Galicia asuma parte da bonificación da AP-9 nas peaxes de Rande e A Barcala, que supón un total de 400 millóns de euros ata 2048.
En resposta a unha pregunta do secretario xeral do PSdeG, Alberto Núñez Feijóo dixo que a comunidade non pode pagar a bonificación da peaxe nunha autoestrada estatal e anunciou unha xuntanza nos próximos días co ministro de Fomento, José Luís Ábalos.
Gonzalo Caballero animou a Feijóo a que "sexa parte da solución e non do problema" e explique se o seu goberno está disposto a contribuír á rebaixa das peaxes e a pagar o traxecto de ida onde o Goberno central bonifique o de volta.
O presidente asegurou que será "leal" na xuntanza co ministro. Porén, anunciou que no encontro vai denunciar o atraso na baixadas das peaxes consignadas nos orzamentos xerais e a discriminación a Galicia.
O líder socialista atribuíulle a peaxe "abusiva e lesiva" da AP-9 ás decisións do goberno de Aznar, que ampliou a concesión, e ao de Rajoy por rexeitar a transferencia. Feijóo acusou a Caballero de ir ao Parlamento "trabucar e mentir" porque, segundo dixo, "o único que incrementou as peaxes de xeito continuado o 1% acumulativo ata o 2048 foi o Partido Socialista Obreiro Español".
Gonzalo Caballero, líder dos socialistas galegos, insta o presidente Núñez Feijóo a estudar as opcións da Xunta para compensar a "concesión lesiva" da AP-9. pic.twitter.com/2LseOnlUEO
— G24 (@G24Noticias) February 24, 2021