CRTVG

Buscar

Feijóo, indignado coa acusación de 'madrileñofobia': "Queremos que veñan"

Publicado o 16/06/2020 18:33

O presidente da Xunta e candidato á reelección polo PP, Alberto Núñez Feijóo, mostrouse este martes indignado coa acusación de 'madrileñofobia' e lembrou que Galicia "quere e necesita" o turismo e "moi especialmente", remarcou, o das persoas que veñen da capital española "a visitarnos e que teñen as súas casas aquí". 

A súa declaración produciuse tras as preguntas da prensa ao termo dunha reunión co comité de empresa de Alcoa e mostrouse moi molesto coas voces que tentan "crear división entre os españois" e "intoxican"

Núñez Feijóo insistiu en que "queremos que volvan e que veñan (os madrileños), que estean connosco. Como non! O compromiso con Madrid explicitámolo durante a pandemia", dixo, ao aumentar a doazón de respiradores cando os necesitaron, sen saber se a comunidade galega os precisaría ou non, un comportamento que lle xerou criticas, lembrou, entre a oposición. 

"O noso compromiso cos cidadáns e co pobo de Madrid foi, durante a pandemia, asistir no que podiamos ante o colapso das UCI dos hospitais madrileños. E agora outra vez volvemos convidalos e dicirlles, non que veñan aquí quince días; se poden vir trinta, ou un mes e medio, mellor", salientou. 

E iso, continuou, é "perfectamente compatible" con dicir que se houbese brotes nunha zona, un barrio, un hospital, unha cidade ou unha autonomía, pois "actuemos polo ben de todos, mantendo a saúde pública, que é a nosa obriga". "Se non o fixésemos, estariamos ante un suposto de irresponsabilidade", agregou. 

Feita esta observación, profundou en que ve "algún interese por intoxicar sobre determinadas formulacións de Galicia en relación con outras comunidades autónomas e, concretamente, en relación con Madrid". Por iso, pediu non caer na "demagoxia" e moito menos cando se trata da saúde de todos. 

"O que pretendemos é que veñan a Galicia cantas máis xentes, mellor, e que teñamos a garantía dunha saúde pública e un control do virus en todos os territorios que conforman o noso país", fixo fincapé, e subliñou que non son incompatibles ambas as cuestións. 

Así as cousas, Núñez Feijóo lembrou que todos os cidadáns de fóra terán á súa disposición todos os contactos necesarios para que, como os galegos, poidan dirixirse ao servizo sanitario ante calquera síntoma. O mesmo pide para os galegos que viaxen ou vivan en Madrid ou en calquera outro lugar, o que sexa. 

A presidenta madrileña, Isabel Díaz  Ayuso, antes de pronunciarse Núñez Feijóo, dixo sentirse doída pola 'madrileñofobia' que se percibe, cre, desde algunhas rexións, con mensaxes que "ofenden", tendo en conta que os madrileños aínda non saíron da Comunidade pero xa "hai brotes por outras partes". 

En declaracións na cadea Cope, Ayuso respondeu así ao ser preguntada polas declaracións do presidente da Xunta, que pediu atención á mobilidade sen querer "estigmatizar" a ninguén.