CRTVG

Buscar

Feijóo fai un chamamento á cidadanía: "Comportamentos irresponsables acaban producindo mortes"

Publicado o 15/10/2020 15:46

• O presidente da Xunta diríxese especialmente á xente nova

• Anuncia que o sábado empezará a funcionar a app PassCovid, que ofrecerá información actualizada sobre o virus concello a concello

O presidente da Xunta acaba de facer unha nova chamada á responsabilidade. Desta volta, máis dura ca nunca. Dixo que os comportamentos irresponsables acaban en mortes e fixo un chamamento especial aos mozos. 

Traso consello da Xunta, Alberto Núñez Feijóo tamén anunciou que este sábado vai comezar a funcionar a aplicación PassCovid. Servirá de complemento ao RadarCovid, a aplicación de rastrexo que xa funciona a nivel estatal.

A app galega vai ofrecer información actualizada da pandemia na nosa comunidade concello a concello.

Outra das súas funcións é facilitar a labor de rastrexo. Se damos positivo, poderemos informar a través desta canle dos nosos contactos estreitos.

A aplicación tamén nos permite rexistrar o código QR dos establecementos nos que esteamos. Así, se hai contaxios vencellados a ese local tamén recibiremos un aviso. Ademais PassCovid sérvenos para acceder ao rexistro de viaxeiros obrigatorio sempre que cheguemos a Galicia procedentes dunha zona de alta incidencia do virus.

O presidente da Xunta tamén deu conta da liña de axudas ao sector do ocio nocturno, un dos máis golpeados pola pandemia. Serán 5 millóns de euros para axudar a discotecas, pubs e salas de festas e concertos.

Esta liña de crédito vai permitir pagar o alugueiro dos locais que tiveron que parar a súa actividade. 

Tamén está destinada a subvencionar a realización de concertos e á concesión de préstamos para as pemes máis afectadas pola crise.  O obxectivo prioritario é manter o emprego no sector.  

Noticias web

15/10/2020