CRTVG

Buscar

Feijóo e Planas analizan a situación do sector pesqueiro galego tras o 'brexit' e a PAC

Publicado o 15/01/2021 17:33

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, mostrou este venres a súa "vontade" de contar coas propostas de Galicia, cuxa agricultura, fundamentalmente familiar e formada por pequenas explotacións, está "no epicentro da nova Política Agraria Común (PAC)", cuxo plan estratéxico está a elaborar o seu departamento.

Tras unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en Santiago de Compostela, o ministro expuxo que a nova PAC en España debe significar que as explotacións medias deben ter o apoio dos poderes públicos, xa que "nin as grandes empresas nin os grandes propietarios, con medios propios de financiamento, son o obxectivo principal".

O ministro destacou o mantemento das axudas asociadas tanto ao vacún destinado á carne como ao lácteo, "algo fundamental" para toda a estrutura de poboación no rural. Ademais, incidiu en que o deseño da nova PAC presenta como "gran novidade" os denominados "ecoesquemas", que priman a conservación ambiental e a loita contra o cambio climático e que terán unha remuneración "específica".

"A PAC ten moitos horizontes, cada un ten a súa visión, pero a miña pretensión, complicada e complexa, e que espero conseguir cun paso adiante de todas as comunidades, é lograr un gran plan estratéxico de España, que sexa o instrumento para a agricultura e a gandería", sinalou.

Núñez Feijóo comunicoulle ao ministro as reclamacións de Galicia e doutras comunidades cantábricas, que teñen a "obriga" de defender os seus produtos e cuxas propostas poden axudar ao ministro para resolver o "sudoku" de como se repartirán estes fondos.

O presidente galego dixo que apoia o sistema de ecoesquemas e que o 20 por cento de axudas dispoñibles se destinen á protección do medioambiente, aínda que pediu que o Ministerio teña en conta dúas propostas adicionais. En primeiro lugar, que se inclúa a prevención de incendios e, en segundo lugar, que as axudas se modulen segundo o tamaño das explotacións.

En canto ás partidas do denominado 'segundo piar', o presidente galego tamén pediu que se valoren o volume de emprego e a superficie forestal, "dous criterios obxectivos", que serán incluídos nun informe que a Xunta enviará ao Ministerio elaborado xunto a técnicos das universidades galegas.

Ambos coincidiron en que a reunión, na que participaron tamén os máximos responsables do Ministerio, xunto cos conselleiros de Medio Rural e Mar, ademais do delegado do Goberno, foi "moi grata e produtiva". O ministro lembrou que onte mesmo xa realizou unha visita ao porto de Celeiro (Lugo) e repetiu a mensaxe de que o sector pesqueiro galego e español "ten futuro" e o Goberno aposta por el.

Respecto ao impacto do 'brexit', a saída do Reino Unido da Unión Europea, na pesca, o ministro recoñeceu que se trata dun suceso "traumático" aínda que o Goberno loitará pola "preservación clara" dos intereses españois. Deste xeito, aínda que sinalou que cada un pode ter a súa visión, asegurou que o impacto nas principais pesqueiras -pescada, peixe sapo e rapante- foi "limitado" e avogou por seguir negociando no futuro.

O ministro, ademais, mostrouse interesado nos proxectos para captar fondos europeos presentados por Galicia, que considerou moi interesantes. Núñez Feijóo agradeceu ao ministro a súa "franqueza" nas conversas e mostrou a súa preocupación polo acordo alcanzado pola UE no Brexit sobre a pesca.

De entrada, os británicos reduciron as cotas europeas nun 25 e cada cinco anos haberá que negocialas e, ademais, conseguiron que non haxa aranceis aos seus produtos, dos que son excedentarios, dixo o presidente galego, que augurou "axustes" e que criticou os recortes de tacs (capturas máximas admisibles) e cotas acordados, adicionalmente, en días anteriores.

"Non nos preocupa o que ocorreu, senón o que ocorrerá cada cinco anos (...) Gustaríanos dar boas noticias, dicir que estamos moi satisfeitos coa negociación da pesca no 'brexit': non o estamos. Aínda que podería ser peor, segundo dixo o ministro. Si, podería selo. Verémolo en cinco anos. Non se se o ministro seguirá aí (no seu cargo), eu probablemente non", dixo.

Núñez Feijóo pediu a Planas que conte con Galicia "como consultor e, se é posible, como asesor", xa que é a principal rexión pesqueira en Europa e coñece de primeira man o sector. En calquera caso, Núñez Feijóo indicou que seguirán estudando en detalle o acordo e a súa "letra pequena" e que enviarán ao ministro dous informes, un sobre a afectación na capacidade extractiva e comercial dos produtos e outro sobre as implicacións xurídicas para a pesca galega do 'brexit'.

Sobre os proxectos europeos, Núñez Feijóo destacou a creación dunha planta que obteña viscosa a partir de materia forestal, unha fibra necesaria para a industria téxtil, así como outras propostas para a modernización de regadíos, as aldeas modelo, o fomento do rural 4.0, a investigación agraria ou a xeración de enerxía a partir de xurros do gando. 

Noticias web

15/01/2021