CRTVG

Buscar

Feijóo e Casado acusan o Goberno de "ineficaz" e "inexperto" para xestionar a pandemia

Publicado o 18/12/2020 20:21

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, acusou este venres ao Goberno central de ser “o máis inexperto”, o máis “sectario” e o “peor avenido posible” para afrontar unha pandemia. Así se pronunciou xunto ao presidente do PP, Pablo Casado, no acto “Galicia: máis investimentos, menos impostos”, celebrado no Monte San Pedro, na Coruña, no que tamén acusou ao Executivo de Pedro Sánchez de actuar con “improvisación” durante toda a crise sanitaria.

“España debe ser moito máis que o taboleiro de xadrez de Pablo Iglesias e Pedro Sánchez na súa partida infinita”, aseverou Núñez Feijóo, que considerou que “España merécese máis propostas sólidas”, pois “o Goberno acumulou un enorme caudal de inexperiencia”. En canto ao sectarismo, reprochou ao Executivo que as súas prioridades “non sempre coincidiron coas de España”, pois “pretenden controlar a independencia xudicial”, asegurou sobre a reforma do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Por outra banda, o presidente galego reivindicou a xestión do coronavirus na súa Comunidade, pois indicou que é a terceira con menor mortalidade, tras os territorios insulares, e apuntou que Galicia leva dez días sendo a que ten menos camas en UCI ocupadas por pacientes con covid-19.

Nos cen días que transcorreron desde o comezo da súa cuarta lexislatura, dixo, levaron a cabo “unha ducia de leis”, unha cada nove días. “En ningunha comunidade autónoma están a facerse máis hospitais que aquí. Nunca investimos tanto en sanidade pública”, salientou o presidente da Xunta.

Tamén se quixo referir aos fondos europeos Next Generation para condenar que non se coñece “ningún criterio” e para pedir “claridade” na repartición. “Se xestionamos os fondos europeos con altura de miras poderemos saír fortalecidos desta profunda crise”, recalcou. “Somos un partido sólido”, sostivo Núñez Feijóo, quen culminou a súa intervención subliñando que “a única alternativa a un Goberno social populista é Pablo Casado”.

 O líder do PP, Pablo Casado, acusou o xefe do Executivo, Pedro Sánchez, de "covardía" e "incompetencia" por non aplicar uns criterios comúns sobre a Covid-19 ante as festas do Nadal e "papapetarse de novo" detrás das autonomías. Tras lamentar que "unha nación unida ten 17 plans para Nadal", afeou ao Goberno que queira dar só "as boas noticias", como a chegada da vacina a España, deixando as "malas noticias" para os presidentes de CCAA.   

Noticias web

18/12/2020