CRTVG

Buscar

Feijóo di que o mercado laboral "está a funcionar" e que os datos así o demostran

Publicado o 05/05/2021 12:23

O presidente da Xuntaa, Alberto Núñez Feijóo, dixo este mércores que a baixada do paro, moi por encima da media española, demostra que o mercado laboral galego "está a funcionar", de modo que Galicia pode afrontar "cun certo optimismo a recuperación" da crise causada pola pandemia de covid-19.

"Levamos catro meses deste ano 2021 e temos unha radiografía de como está a evolucionar o mercado laboral en España e en Galicia. Os datos de abril veñen confirmar que Galicia é a comunidade autónoma con maior baixada de paro do último ano", dixo Feijóo, quen recordou que "en Galicia o paro baixou no último ano case nun 11 %, mentres que en España subiu un 2 %".

Segundo Feijóo, "os datos acreditan que o noso mercado laboral está a funcionar" e "que a situación económica e laboral en Galicia é mellor, claramente mellor, que a media de España", aínda que na Xunta son "conscientes de que a crise non pasou".