Feijóo di que nas eleccións madrileñas se poñen en disputa dous modelos de xestión
O presidente da Xunta agarda unha gran participación nas eleccións en Madrid. Alberto Núñez Feijóo di que son unhas eleccións claves. Cre que hai en xogo dous modelos de xestión "para as súas facendas, para os seus servizos públicos e, en definitiva, para a súa convivencia".
"A información que me están pasando é que está a haber bastante afluencia aos colexios electorais. Iso é un bo indicador, porque acredita que os madrileños queren decidir o seu futuro. Espero e desexo que durante toda a xornada se produza o que sempre se produce nas eleccións en España, que é normalidade e participación", asegurou o presidente da Xunta en Lugo, onde tomou parte do acto para celebrar o décimo aniversario do hospital Lucus Augusti.
"Sen dúbida, estas eleccións son moi importantes", dixo, porque se producen "no primeiro motor económico de España, que é a Comunidade de Madrid", e onde se disputan a vitoria "dous modelos" políticos claramente diferenciados.