CRTVG

Buscar

Feijóo di que, "malia as mentiras da oposición", os galegos están orgullosos da sanidade

Publicado o 28/06/2021 21:12

Alberto Núñez Feijóo acusa á oposición de mentir durante anos sobre a sanidade pública mentres os galegos se senten máis orgullosos dela ca nunca.

Na presentación da súa candidatura á reelección como presidente do PPdeG diante da dirección provincial de Lugo, Feijóo falou de aumentar o persoal e a tecnoloxía en atención primaria e mellorar a asistencia en saúde mental. Di tamén que cómpre consolidar o chamado sistema de hospital único e a atención a domicilio.

O líder popular afirma que o seu partido é o único que aporta solucións para Galicia, porque o BNG está centrado na independencia e os socialistas limítanse a repetir os argumentos da Moncloa mesmo cando discrimina a Galicia.

"A sanidade foi o principal foco de atención durante esta década longa e, por iso, agora imos seguir construíndo ese proxecto que acaparou boa parte das mentiras da oposición, ese proxecto que durante a pandemia acreditou que é un proxecto que funciona, que está ben construído, ben dimensionado, que sabemos realmente o que queremos e que sabemos xestionar con rigor os recursos que os galegos poñen nas nosas mans", di Alberto Núñez Feijóo, presidente do PPdeG.

 

 

Noticias web

28/06/2021