Feijóo di que a tendencia da emigración galega mudou na última década
O presidente da Xunta estivo este martes nun encontro con emigrantes retornados que participan no programa Merlo, un plan deseñado para orientar os galegos que volven a Galicia e queren emprender aquí un negocio. Alberto Núñez Feijóo di que nos últimos anos cambiou a tendencia da emigración na nosa comunidade e que hai máis xente que regresa da que sae.
Teñen corenta e un anos de idade media e dous de cada cinco fixeron mestrados universitarios. O 70 emprendedores retornados da emigración dispoñen de mentores financiados pola administración dentro do programa Merlo. O presidente da Xunta díxolles que a Galicia emigrante cambiou; que entre 2009 e 2019 entraron en Galicia 72.000 persoas máis das que saíron.
"Empezamos xa a cambiar a tendencia. De Galicia non se sae; a Galicia vénse. Galicia está empezando a recibir xente formada, terceiras xeracións de galegos que marcharon. Por aí creo que poderemos empezar un futuro que pode ser moi prometedor e necesitamos que triunfedes os que destes este paso", dixo o presidente da Xunta.
En total son 500 os retornados emprendedores dende 2014. Estes emigrantes ou fillos ou netos de emigrantes dispoñen de axudas de entre 5.000 e 12.000 euros para abrir o seu negocio en Galicia.