CRTVG

Buscar

Feijóo desvincula o PPdeG e a Xunta de calquera caso de corrupción

Publicado o 24/03/2021 15:46

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo que o PPdeG, o Goberno autonómico e o seu grupo parlamentario non tiveron que afrontar "nunca" unha causa por corrupción dende que está á fronte do Executivo.

Durante a sesión de control no Parlamento de Galicia, o líder dos populares galegos dende xaneiro de 2006 e presidente da Xunta dende 2009, rexeitou deste xeito calquera implicación nas tramas de corrupción relacionadas co PP, como os casos Gürtel, Bárcenas e Kitchen ou a denominada caixa B.

En resposta ás preguntas formuladas polo PSdeG e polo BNG, Núñez Feijóo reprochoulles a ambas formacións que trouxeran este asunto ao Parlamento, en plena pandemia, cando leva "doce anos" falando del e non se produciu "ningunha novidade".

Tanto o líder socialista como a voceira do BNG, que anunciou a súa intención de pedir unha comisión de investigación, amosaron a súa indignación coa resposta do presidente da Xunta. Ambos os dous lembráronlle que foi Luis Bárcenas o que volveu relacionar o PPdeG coa caixa B do partido na Audiencia Nacional. 

Últimas declaracións do extesoreiro

Gonzalo Caballero e Ana Pontón fixeron referencia ás declaracións do extesoreiro hai uns días en sede xudicial nas que falaba do suposto pago en efectivo do PP de Pontevedra a Génova de 50.000 euros en efectivo. Tamén, da posterior entrega, en dous sobres, a Mariano Rajoy e Dolores de Cospedal. Ambos os dous pedíronlle explicacións porque a suposta entrega ocorreu no 2010 cando Feijóo xa levaba catro anos como presidente do PPdeG.

Do mesmo xeito, lembraron que Pablo Crespo, secretario de organización do partido en Galicia durante case unha década, rematou condenado. Sobre este asunto, Ana Pontón fixo referencia a súa confesión de que "o 75 % do orzamento das campañas electorais procedían de diñeiro negro".