CRTVG

Buscar

Feijóo confía en abrir "algúns territorios" de cara á ponte de decembro se a evolución segue sendo positiva

Publicado o 23/11/2020 14:51

• O presidente da Xunta desbota un confinamento xeral en Galicia

O presidente da Xunta cre que nalgúns concellos as restricións poderían relaxarse na ponte de decembro, seguindo o que xa ocorreu coa mellora no Carballiño. Feijóo tamén desbota, hoxe por hoxe, que vaia ser preciso un confinamento domiciliario en toda Galicia.

Alberto Núñez Feijóo engade que sería irresponsable confirmar hoxe como será a ponte de decembro, porque a decisión de abrir a hostalería ou os concellos perimetrados dependerá do que indique o comité clínico, pero non desbota a posibilidade de que se levanten restricións se hai unha boa evolución dos datos.

"Se esta semana e a próxima semana as cousas van como foron nas últimas, haberá algúns territorios, ou bastantes territorios, que hoxe están perimetralmente pechados e onde tamén está pechada a hostalaría, que poidan abrir tanto a hostalaría como o seu ámbito territorial", dixo o presidente galego, a preguntas dos xornalistas durante un acto en Cáritas Pontevedra.  

Así, Feijóo destacou que, no balance global de evolución da pandemia, hai este luns menos infectados en Galicia que fai sete días, polo que o Goberno galego alberga "a esperanza de poder, da mesma forma que no Carballiño, en determinados concellos, en determinadas zonas, poder ser máis xenerosos coa apertura da hostalaría".  

En todo caso, lembrou que se trata dunha "esperanza" e que "en ningún caso" pode asegurarse que isto vaia a ser así. Dito isto, animou a seguir traballando con "o maior rigor e prudencia posible", tendo presente que "a saúde é un ben prioritario para calquera administración pública", polo que calquera decisión que se adopte estará guiada "exclusivamente por datos epidemiolóxicos e datos clínicos".  

A día de hoxe, segundo o presidente da Xunta, "as cousas están mellor, pero non están o suficiente ben como para poder dar ningunha confirmación" das decisións que se tomarán a "dez días vista".

Noticias web

23/11/2020