CRTVG

Buscar

Galicia espera mobilizar 1.200 millóns da UE para cinco proxectos forestais

Publicado o 30/11/2020 15:30

• Feijóo define o sector da madeira como o máis importante dos galegos aspirantes aos fondos europeos

A Xunta presentou hoxe cinco proxectos cos que Galicia espera mobilizar "máis de 1.200 millóns de euros" da Unión Europea, entre eles, unha fábrica de viscosa sostible para facer tecidos, co obxectivo de impulsar o sector forestal.

Así o trasladou o titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, tras presidir o Foro Next Generation Galicia-Industria Forestal que acolleu o Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia (CIS Madeira), no Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas (Ourense), onde estiveron presentes o conselleiro de Economía, Francisco Conde, e de Medio Rural, José González.

En total, son 108 proxectos e 9.400 millóns de euros de investimento os que a Xunta de Galicia puxo sobre a mesa do Goberno central para optar ás axudas europeas procedentes do Next Generation EU.

Alberto Núñez Feijóo salientou que o sector da madeira é o máis importante das propostas galegas a eses fondos.

Primeiro bloque: o proxecto estrela

Así as cousas, o primeiro bloque inclúe un proxecto de construción da primeira fábrica de viscosa de Galicia, destinada a buscar unha xestión respectuosa dos montes galegos que ten como obxectivo "a produción sostible" de fibra téxtil a partir de madeira certificada.

Este proxecto, o máis ambicioso, supoñería un investimento aproximado de "950 millóns de euros" e tería como finalidade xerar "unhas 250.000 toneladas" de fibra de celulosa sostible e permitiría crear como mínimo uns 750 postos de traballo directos ata superar o milleiro.

Segundo bloque: catro proxectos que suman 38 millóns de euros

Dentro do segundo bloque, denominado Tech Madeira, Feijóo presentou outros catro proxectos, que suman un investimento total de 38 millóns de euros.

O máis importante, cunha contía de 26 millóns, está centrado no impulso da construción de madeira en edificios de contornas urbanas, rurais e industriais.

O segundo proxecto (4 millóns) vai dirixido a desenvolver unha planta piloto de novos materiais sostibles derivados da madeira-

Outro de ecoinnovación (4 millóns), que vai destinado a empresas para mitigar a emisión de gases de efecto invernadoiro.

Un cuarto de dixitalización da industria forestal (4 millóns) para mellorar a competitividade.

Feijóo: "Do mesmo xeito que hai un apartado especifico para automoción, ten que haber un para a madeira"

"Se a xente percibe que é rendible plantar, que haberá polígonos agroforestais, que a madeira é plantada de forma correcta, nos chans, e que a celulosa de fibra viscosa é elemento estamos convencidos de que temos capacidade", continuou Feijóo, quen destacou as grandes posibilidades da madeira para usos alternativos.

Para ratificar o potencial de Galicia, lembrou que a comunidade produce "o 50% da madeira que se corta en España, ademais de supoñer o 12% do emprego industrial, polo que, do mesmo xeito que hai un apartado especifico para automoción, ten que haber un para a madeira".

Na mesma liña, Francisco Conde subliñou a Xunta traballa "non só" para presentar proxectos senón para identificar novas iniciativas que poidan ter "impacto" en Galicia.

Pola súa banda, o titular de Medio Rural puxo en valor a capacidade de Galicia para facer máis produtiva a terra tras lembrar que "dúas terceiras partes" son de superficie forestal.

Noticias web

30/11/2020