Feijóo define a candidatura do PP como coherente co feito e co que queren facer
• Inclúe de novo todos os conselleiros nas listas electorais
Alberto Núñez Feijóo di que na candidatura que encabeza vai o seu Goberno completo, que son listas amplas, integradas por candidatos que poden ser bos parlamentarios ou bos cargos da Xunta se os galegos o elixen.
"Síntome moi orgulloso do Goberno que tivemos. Por iso, pedinlles a todos os deputados e deputadas que entendan que o Goberno de Galicia merece aparecer nesas listas en postos de saída. Polo tanto, é unha lista que é coherente co que fixemos e co que queremos facer".
O candidato á reelección pasou a tarde do luns de precampaña cos veciños de Chantada e Monforte. Ensinoulles a foto do seu fillo aos que lle pediron velo e faloulles da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Coida que é darlle protagonismo e vida a todo aquel territorio. Insistiu tamén en que a súa é a única candidatura que lle da un goberno unido a toda Galicia.
"A estabilidade institucional, a moderación na forma de gobernar, a centralidade nas nosas políticas e, sobre todo, que haxa un goberno estable, que teña un presidente que o presida, un goberno unido e un goberno que teña un grupo parlamentario que dea estabilidade a Galicia. Ese é o obxectivo da próxima lexislatura que creo que está acreditado que se pode manter porque o levamos mantendo nos últimos anos".