CRTVG

Buscar

Feijóo dá negativo na PCR e non fará corentena tras o positivo da conselleira do Mar

Publicado o 21/12/2020 17:30

O presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, deu negativo, do mesmo xeito que o resto dos integrantes do seu Goberno, na proba PCR que se lle practicou despois de que o pasado venres participara, xunto ao líder nacional do seu partido, Pablo Casado, nun acto na Coruña con numerosos dirixentes políticos.

Feijóo non fará corentena, como tampouco o fará o resto de integrantes do seu goberno, que tamén deron negativo, despois do positivo da conselleira de Mar, Rosa Quintana, que a pasada semana viaxou a Bruxelas no marco das negociacións das cotas pesqueiras polo brexit. A preguntas dos xornalistas, indicou que se cumpre o protocolo e que non debe gardar o dez días porque non foron "contacto estreito" e, en todo caso, sobre os momentos de intercambio de saúdos sen máscaras, xustificou que foron apenas un segundos, pero pediu "desculpas".

A pesar de non ser, segundo as explicacións dadas polo presidente autonómico, "contacto estreito", o Sergas fixo un cribado inmediato durante a fin de semana a todos os asistentes ao acto do PP na Coruña. Entre outros, acudiron o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, o segundo, Francisco Conde, os titulares de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, Infraestruturas, Ethel Vázquez, e Política Social, Fabiola García, os presidentes provinciais, incluído o vicepresidente da Cámara, Diego Calvo, e o presidente do Parlamento, Miguel Santalices.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, que non participou presencialmente na reunión do Consello da Xunta do xoves, informou a través das súas redes sociais de que era positivo asintomática, apenas unhas horas despois de acudir no acto do PP, na tarde noite do venres.

Noticias web

21/12/2020