CRTVG

Buscar

Feijóo convoca os líderes dos partidos da oposición para o día 26 sen concretar o formato da reunión

Publicado o 11/03/2021 18:41

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, contestou á petición de reunión dos líderes dos partidos da oposición, Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG), para convocalos a unha reunión o próximo 26 de marzo, aínda que non concretou o formato do encontro. De feito, fontes consultadas por Europa Press, indicaron que na carta o presidente sinala que serán os respectivos gabinetes os que se porán de acordo no formato do encontro, aínda que apunta o 26 como data para que se produza a foto.

Os representantes da oposición levan varias semanas solicitando un encontro co máximo mandatario autonómico para abordar a situación de Galicia e a súa reconstrución económica e social pola crise sanitaria, coincidindo tamén co final dos traballos 'de campo' da comisión de reactivación que se pactou na Cámara autonómica. 

O pasado martes, o presidente da Xunta defendeu pospor a reunión cos líderes de BNG e do PSdeG ata que avancese a comisión de reactivación económica e social, co fin de non alterar un "formato" xa acordado nin "faltar ao respecto aos 49 comparecentes" que pasaron pola mesma. Precisamente, preguntado respecto diso na conferencia de prensa posterior á reunión do Consello de Xunta, Feijóo insistiu en que lle "gustaría" manter este encontro unha vez alcanzasen un "acordo ou desacordo" na comisión de reactivación. "O que lles pido aos partidos, empezando polo meu, é que se respecten as institucións", incidiu o máximo mandatario autonómico, que confiou en que ao longo do mes de marzo se avance neste órgano parlamentario e que por iso empraza os líderes do BNG e do PSdeG a reunirse nesa data.

Ademais, cuestionado sobre se recibirá a Ana Pontón e a Gonzalo Caballero por separado ou se será unha reunión a tres bandas, Feijóo emprazou os dirixentes da oposición a porse de acordo. "Se se pon de acordo será xuntos e, se non, terá que ser por separado", apuntou.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasladou xa por escrito ao xefe do Executivo galego a súa dispoñibilidade para manter nesa data un encontro "bilateral" entre o presidente da Xunta e a líder da oposición. Con esta contestación, a líder dos nacionalistas galegos traslada tamén a súa disposición a abordar todos os asuntos que se consideran clave para Galicia no actual momento de crise, tanto os recollidos na carta remitida pola nacionalista o pasado día 1 de marzo "como os que o presidente da Xunta considere oportuno incluír na axenda.

Pola súa banda, noutro comunicado, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, confirmou que acudirá con "espírito construtivo a favor de Galicia" á reunión convocada por Feijóo para o 26 de marzo e subliñou que é "o momento do diálogo pola reactivación" e de "defender propostas para protexer os galegos fronte á crise". "O diálogo é necesario para enfrontar a maior crise que viviu o país", remarcou o socialista, que considera que "o importante non é o formato da reunión". "O que toca agora non é pensar na foto nin en protagonismos individuais, senón en compartir ideas e propostas que nos reforcen para saír desta crise", subliña.