A hostalaría reabrirá na maior parte de Galicia, que se divide en tres niveis de restricións
• Só 17 concellos seguirán coas mesmas medidas que ata o de agora
• No resto do país vanse permitir reunións de ata catro non conviventes e movementos entre municipios do mesmo grupo
• As novas medidas entran en vigor o venres. Consulta aquí o mapa
Galicia volve estar dividida por niveis. Abre a hostalaría, permítense as reunións de non conviventes e a mobilidade intermunicipal nos concellos dos niveis en que é posible. Así o decidiu o comité clínico logo de analizar a evolución da pandemia en Galicia.
A incidencia acumulada evolucionou favorablemente, dende os 779 a 14 días (30 de xaneiro) aos 236 de hoxe, por debaixo do limiar de alerta máxima de 250. O presidente da Xunta sinalou estas cifras como resultado dunha "ampla estratexia de diagnóstico".
"Galicia segue a ser a comunidade coa menor taxa de positividade de toda España", por debaixo do 5 %, destaca Feijóo.
"Todos os esforzos que facemos teñen o obxectivo de salvar vidas", asevera Feijóo. "A evolución está sendo certamente boa", e iso demostra que "as restricións e medidas funcionan", di.
A partir de agora, sinala Feijóo, van dar "maior preponderancia" ao indicador da incidencia acumulada a sete días, que permite actuar con maior antelación.
Advirte que ante repuntas ou malas evolucións, volveran impoñerse restricións para frealas. "Estamos lonxe de acadar os obxectivos que nos gustarían", lembra.
Novas medidas
Avánzase na "apertura gradual e medida" con tres focos: a apertura da hostalaría, a mobilidade intermunicipal e as reunións de non conviventes.
Para toda Galicia:
• As clases presenciais nas universidades retomaranse o 1 de marzo, como xa estaba previsto dende a semana pasada. Habilítanse cribados para o estudantado.
• A partir da vindeira fin de semana os centros comerciais poderán abrir.
Tres grupos de concellos por nivel de incidencia:
Volven os niveis de restricións baseados nas incidencias e na presión hospitalaria (especialmente na ocupación das UCI). Son tres:
• Nivel máximo (máis de 500): mantéñense as mesmas medidas: hostalaría pechada, reunións de non conviventes prohibidas e sen mobilidade intermunicipal.
Afecta 17 concellos: Aranga, Cabanas, Carballo, Catoira, Corcubión, O Corgo, Gomesende, A Gudiña, Guitiriz, Larouco, Malpica de Bergantiños, Moeche, A Peroxa, Ponteceso, A Pontenova, Toques e Xunqueira de Espadanedo.
Nivel 1 (incidencia superior a 500): hostalaría pechada, reunións de non conviventes prohibidas e sen mobilidade intermunicipal non xustificada. pic.twitter.com/JZPUnHT4Sf
— G24 (@G24Noticias) February 22, 2021
• Nivel medio (entre 250 e 500): reunións de ata catro persoas non conviventes, a hostalaría abre as terrazas ata as 18:00 ao 50 %, permítese a mobilidade entre concellos na mesma situación, é dicir, coa mesma incidencia. A Xunta aclarou posteriormente que tamén se permitirá a apertura de ximnasios e instalacións deportivas neste nivel.
A medida relativa á mobilidade aplícase de xeito homoxéneo (para todos os concellos) nas áreas sanitarias da Coruña, Ferrol e Pontevedra. A razón é a elevada presión hospitalaria nestas áreas.
Nivel 2 (entre 250 e 500): reunións de ata catro non conviventes e a hostalaría pode abrir as terrazas ao 50% ata as 18:00.
— G24 (@G24Noticias) February 22, 2021
Permítese a mobilidade entre concellos do mesmo nivel.
Entran tamén todos os concellos das áreas sanitarais de A Coruña, Ferrol e Pontevedra. pic.twitter.com/IhEG06GsWs
• Nivel baixo (menos de 250): permítense as reunións de non conviventes cun máximo de catro persoas, abre a hostalaría cunha limitación de interior ao 30 % e exterior ao 50 %, con barras pechadas e ata as 18:00 h.
Permítese a mobilidade entre concellos con situación semellante de incidencia. Afecta 189 concellos (54 % da poboación). Abren as instalacións deportivas, ximnasios, piscinas, sempre co uso de máscara e medidas de seguridade, e poden practicar deporte con máscara grupos de ata catro non conviventes.
Nivel 3 (menos de 250): permítense as reunións de ata catro non conviventes.
— G24 (@G24Noticias) February 22, 2021
Abre a hostalaría (interior ao 30% e terrazas ao 50%, sen barras) ata as 18:00.
Permitida a mobilidade entre concellos do mesmo nivel. pic.twitter.com/0WSceVcDPJ
Preocupación polas novas cepas
O comité clínico, en palabras do presidente da Xunta, constata que a variante británica é xa predominante en Galicia. Sinala Feijóo que está detrás dos novos contaxios e das altas incidencias na área da Coruña, onde representa o 80 % dos novos contaxios. En Galicia a media é do 63 %. "Están sendo moito máis agresivas", di.
Feijóo pon o foco en reducir a mortalidade e traballar por que as mortes sexan excepción e non unha constante diaria. "A esta sociedade non pode interesarlle máis o grao de apertura da hostalaría que o número de falecidos ao día", di. "Non creo que debamos normalizar as mortes; non son cifras, non son indicadores, son persoas".
Apela á responsabilidade individual
"Non descartamos volver atrás". Feijóo advirte que se as cifras non son seguras, non dubidarán en volver pechar. Sinala a responsabilidade individual como xeito de evitar esa situación.