Feijóo asegura que a Xunta fixo máis en 100 días que o Goberno nun ano
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que se sente "orgulloso" dos seus 100 primeiros días de mandato porque fixo máis nese tempo que o Goberno central nun ano.
Na última sesión de control ao Goberno do pleno do Parlamento, Feijóo reivindicou a xestión realizada pola pandemia e lamentou que a oposición non o acompañase nese camiño. Reprochoulle ao BNG traizoar a Galicia e ao PSdeG de aplaudirlle ao Goberno de Pedro Sánchez.
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, reprochou "improvisación, falta de anticipación e erros repetidos" e pediulle a Feijóo que deixe "a descualificación, a prepotencia e a lea" e acepte as propostas que lle realizou este mércores para reforzar a sanidade ou establecer un plan de rescate para os autónomos.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou o presidente galego de "abandonar o país" ao non apoiar e vivir nunha "realidade paralela", polo que lle pediu que rectifique.
Lea pola corentena de Feijóo
Alberto Núñez Feijóo respondeu ás acusacións de Gonzalo Caballero sobre a súa polémica foto sen máscara con Pablo Casado criticando as actuacións de Pedro Sánchez e Pablo Iglesias: "Con PCR positiva familair, non gardan corentena".
O presidente da Xunta xustificou que cumpriu os protocolos establecidos polo Sergas ao non gardar corentena tras participar o venres pasado nun acto do PP na Coruña en que estivo en contacto coa conselleira de Mar, Rosa Quintana, que deu positivo por covid-19.
Feijóo pediulle ao secretario xeral do PSdeG que repase o protocolo, porque hai unha "diferenza substancial" entre un contacto e un contacto estreito.
O presidente explicou o protocolo que seguiu para poder estar 48 horas despois dese acto no Parlameno e, segundo manifestou na súa intervención, Quintana non tiña o resultado da PCR e cando soubo do positivo "automaticamente" chamaron a todos os participantes nese acto para facer unha proba.