Feijóo asegura que as eleccións aínda non están na axenda da Xunta
• O presidente da Xunta di que dependerá tamén da evolución da pandemia
• Anuncia que convocará os partidos políticos para abordar o calendario electoral
O presidente da Xunta asegura que "as eleccións en Galicia non forman parte da axenda" do Goberno autonómico e dependerán da evolución da pandemia na comunidade e do levantamento do estado de alarma.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Alberto Núñez Feijóo argumentou que a decisión de manter ou prorrogar o estado de alarma é unha competencia do Goberno central. Admitiu que a lexislatura está a piques de esgotarse, e que é posible, "díxeno hai semanas" que haxa un novo brote no outono ou inverno, pero insistiu en que "neste momento na axenda da Xunta non están as eleccións".
Núñez Feijóo dixo tamén que logo de comparecer unha vez no Parlamento e manter outros cinco contactos por videoconferencia cos partidos políticos, "vou volver comparecer no Parlamento de Galicia e antes de tomar ningunha decisión sobre a convocatoria electoral volverei falar cos partidos desa convocatoria que teremos que celebrar porque é o que obriga o Estatuto e a Constitución".
"Os partidos serán consultados antes de tomar unha decisión".