CRTVG

Buscar

Feijóo avanza que Galicia vai deixar atrás o toque de queda e ampliará horarios

Publicado o 03/05/2021 17:13

• O presidente da Xunta di que o xoves se decidirá que medidas adoptar a partir do día 9 tras a fin do estado de alarma

O estado de alarma acaba este domingo, día 9, pero a Xunta quere ter xa unha normativa en vigor esta mesma fin de semana tras escoitar o comité clínico entre o xoves e venres. Feijóo avanza unha relaxación das restricións actuais pola estabilidade dos datos en Galicia.

"En Galicia non estamos en risco extremo e, polo tanto, a nosa situación permite ampliar os horarios e ir deixando sen efecto o toque de queda", di o presidente da Xunta.

Non obstante, Feijóo dixo que se verá o xoves, tras a reunión do comité clínico que asesora a Sanidade.

Ese encontro do comité será posterior a outra reunión, a do Consello Interterritorial de Sanidade, na que a Xunta espera "que se adopten medidas concretas" ante a finalización do estado de alarma.

Feijóo avanzou, nun acto en Pontevedra, que confía en que o Ministerio de Sanidade informe ás comunidades autónomas e con esa información o comité clinico poderá tomar decisións que xa entrarían en vigor "esta mesma fin de semana", cando se dea por finalizado o estado de alarma. Nese sentido avanzou a eliminación do toque de recollida, sen aclarar se será totalmente ou se se irá facendo de forma progresiva, e a ampliación de horarios para a hostalería e o comercio.

Con todo, avisa o presidente da Xunta, hai seis comunidades autónomas en risco alto e pide estimar os peches perimetrais neses casos. Feijóo apela á prudencia e lamenta que non exista lexislación común para toda España.

"O Goberno vasco acaba de anunciar a aprobación dunha lei, o catalán acaba de anunciar un decreto lei para impoñer unhas medidas e o galego xa o fixo no Parlamento e está suspendida [a lei de saúde] polo Goberno central. Gustaríame saber que fai o Goberno central coas leis doutras comunidades que se van aprobar esta semana. Estaremos moi atentos", asegurou.

O presidente da Xunta lembra que o Tribunal de Xustiza de Galicia avalou todas as propostas do Sergas, porque as decisións do comité clínico galego sempre responden, defende, a criterios epidemiolóxicos.