CRTVG

Buscar

Feijóo apela ao recordo das vítimas da covid-19 e agradece aos galegos que estiveran á altura

Publicado o 31/12/2020 14:27

• "Os mesmos galegos que afrontamos con tesón a pandemia somos os que agora imos pelexar a recuperación"

• O BNG cre que Feijóo non deu o talle e repróchalle "desertar" das súas funcións

 

O presidente da Xunta apela ao recordo das vítimas do coronavirus e agradece á sociedade galega que estivese á altura dun ano 2020 marcado pola pandemia. Alberto Núñez Feijóo confía en que o 2021 será o ano da recuperación en Galicia, aproveitando os fondos europeos e co protagonismo do Xacobeo.

O presidente escolleu un escenario virtual para lanzar a súa tradicional mensaxe de fin de ano. Primeiro, simulando a sala das conferencias de prensa posteriores aos consellos da Xunta, en que se anunciaron moitas das medidas e das restricións derivadas da crise sanitaria. E despois, proxectando, a modo de homenaxe, imaxes de diferentes colectivos da sociedade galega especialmente afectados polo coronavirus ou implicados na loita contra a pandemia.

Recordo aos que xa non están

Núñez Feijóo quixo iniciar a súa mensaxe lembrando a "aqueles galegos que nos dixeron adeus para sempre por culpa da pandemia e ás súas familias" nun ano en que "nin sequera puidemos despedirnos como nos gustaría".

En palabras do presidente da Xunta, "este foi un ano para esquecer, pero tamén para recordar os profesionais sanitarios que deron o mellor de si para curar e salvar vidas, os traballadores das residencias de maiores que coidaron e os protexeron da soidade, os profesionais educativos e os nenos e adolescentes que se adaptaron a novas normas de maneira admirable, e a aqueles que se esforzaron por manter servizos indispensables".

Para Alberto Núñez Feijóo, "este tamén foi o ano en que nos demos de conta de que cada galego é imprescindible" e "xuntos somos máis fortes". E amósase orgulloso dunha "Galicia entendida como fogar común, como familia" que "estivo á altura como comunidade e tamén como un conxunto das institucións, capaces de traballar harmonicamente".

Defensa da "política exemplar"

Nese sentido, o presidente fixo unha defensa da "política exemplar, porque exemplar tamén é a sociedade á que representamos". Unha política baseada no consenso e na unidade que, apunta, merecen os cidadáns, pero que "non sempre se practica".

En relación á súa xestión da pandemia, Núñez Feijóo lamentou "as modificacións frecuentes de normativas para establecer restricións que afectaron a todos os aspectos da vida cotiá". Pero asegura que "cada medida adoptada en Galicia tivo como obxectivo protexelos a todos vostedes, e poder continuar como unha das comunidades con mellor comportamento nesta pandemia".

Principio da fin

Aínda que considera que estamos ante "o principio da fin", grazas á "vacina que os galegos xa están a recibir e que se vai estender pouco a pouco", o presidente da Xunta fai un chamamento, "porque non podo deixar aínda de facelo", para que a cidadanía "siga sendo responsable". "Non cometamos o erro de pensar que neste momento xa rematou todo, porque non é así", engadiu.

Con todo, de cara ao 2021, Alberto Núñez Feijóo ve motivos para depositar as nosas esperanzas nos "indicios de que esta mala etapa do camiño terá pronto un final" e para confiar en que "os mesmos galegos que afrontamos con tesón a pandemia somos os que agora imos pelexar a recuperación".

O presidente lembra que o feito de "non poder estar cos que queremos, telos lonxe, é un prezo que hoxe hai que pagar para que o mañá sexa moi distinto". "Un mañá", continuou, "de apertas, xuntanzas e felicidade", en que "a Galicia ferida deixe paso á Galicia esperanzada que todos ansiamos e que sen dubida chegará" e en que "o camiño tan duro que fixemos este ano mereza a pena porque vexamos o final, cheguemos á meta e volvamos gozarnos como merecemos", concluíu. 

Xacobeo 2021 e fondos europeos

A catedral de Santiago, que acaba de ser restaurada, erixiuse na mensaxe de Núñez Feijóo como un símbolo "da Galicia que perdura tras percorrer un longo camiño, consecuencia de moitos esforzos e reformas que deron como resultado un conxunto harmónico que resiste todos os desafíos". "Un resumo da Galicia que se apresta a celebrar o Xacobeo do 2021", engadiu.

Ademais, o presidente da Xunta asegura que "Galicia está preparada para aproveitar as medidas de reactivación acordadas pola Unión Europea". "Ímolo facer", continuou, "con responsabilidade e, sobre todo, conscientes de que ningún galego pode quedar á marxe" porque "se estamos loitando xuntos contra a pandemia, xuntos volveremos erguernos e avanzar".