CRTVG

Buscar

Feijóo anunciará novas rebaixas de impostos no debate da autonomía

Publicado o 08/10/2018 20:16

Mañá comeza no Parlamento o debate sobre o estado da autonomía. O presidente da Xunta anunciará novas rebaixas fiscais e contrastará esas medidas coas anunciadas polo Goberno central. 

Entre mañá e o xoves celébrase na cámara galega o segundo debate de política xeral desta lexislatura. O presidente da Xunta fará balance da súa xestión e analizará algunhas das prioridades de futuro, entre elas novas rebaixas fiscais que se farán efectivas nos próximos orzamentos, segundo avanzan dende o seu equipo de goberno. Din que é un paso máis no camiño de baixada de impostos iniciado nos últimos anos e que supuxo un aforro fiscal de 1.100 millóns. Feijóo contrastará esa situación en Galicia coa suba de impostos anunciada polo Goberno central e manifestará a súa oposición a esas medidas, principalmente ao incremento da tributación sobre o diésel. Cre que afectará os fogares coas rendas máis baixas e a industria automobilística da que dependen milleiros de familias galegas. 

Despois será a quenda dos grupos da oposición. E xa avanzan que lle reprocharán a Feijóo ter un proxecto esgotado e sen impulso para Galicia. Terán en fronte o Partido Popular que porá en valor a estabilidade política de Galicia para medrar economicamente e no benestar do país.


 

Noticias web

08/10/2018