CRTVG

Buscar

Alberto Núñez Feijóo anunciará doce medidas demográficas e salientará a estabilidade de Galicia

Publicado o 25/09/2019 10:10

• A oposición ve o debate do estado da autonomía como un repaso ao "decenio negro" do líder dos populares galegos na Xunta

• Sigue o #DEAGalicia19 nos medios públicos a partir das 10 

 

O terceiro debate de política xeral da X lexislatura en Galicia encara a recta final do mandato nun escenario en que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, debuxará o futuro da comunidade fronte os partidos de oposición, que lle reprochan ser o artífice dunha "década perdida", ante os comicios previstos para 2020.

Os cinco grupos da oposición afrontan o debate que arrinca este mércores como unha cita especial, pois será o último antes das próximas eleccións de 2020 e permitirá examinar os compromisos cumpridos nestes anos pero tamén os proxectos fracasados.

O debate comezará coa intervención do presidente galego, cun discurso de apertura no que presentará a súa Comunidade "como a mellor para construír familia" e, ademais, exporá os motivos polos que esta encarará o seu "mellor decenio", segundo fontes do seu partido, o PPdeG.

A súa intervención pivotará sobre a preparación da década de 2020, marcada por tres anos xacobeos, cun decenio que considera como "o mellor da historia da comunidade".

O seu partido anticipou que Feijóo profundará na fórmula que leva aplicando desde 2009, ano no que foi investido por primeira vez, e que se resume en estabilidade, centralidade e previsión, tres alicerces que, cre, fixeron que Galicia sexa un referente a nivel estatal.

Nese senso, contrapoñerá o seu modelo co do Goberno en funcións que o socialista Pedro Sánchez instalou en España, con "paralización de proxectos estratéxicos, falta de diálogo e ausencia de solucións reais, así como uso electoralista", o que se dá, así o comunicará porque é o que ao seu xuízo ocorre, á débeda de 700 millóns de euros contraída con Galicia.

En todo iso Feijóo ve unha fórmula "curtopracista e electoralista" de entender a política, con consecuencias que Galicia "está a padecer" e por tal motivo ratificarase no camiño seguido polo seu Executivo, do que di que non se move pensando en eleccións.

Con este panorama, fará especial fincapé no que funciona, anticiparon, con capítulos destacados dedicados á educación plurilingüe, tecnolóxica e orientación ao mundo laboral; á "mellor sanidade pública" e apoio aos fogares; así como á modernización industrial e sectores primarios.

Atención especial recibirán, así mesmo, segundo as mesmas fontes, as accións de conciliación e apoio a familias con fillos ou que queiran telos.

Doce medidas

Haberá "doce medidas" para os outros tantos meses que restan de mandato, orientadas a seguir consolidando a Galicia como a "mellor comunidade para construír familia".

Entre elas, mellorar a tarxeta benvida para as familias con bebés e novas liñas de axudas coas empresas en mente para mellorar a conciliación laboral e persoal nos lugares de traballo.

Fronte a estes anuncios, os líderes da oposición buscarán evidenciar as carencias que marcaron, ao seu xuízo, a década de Feijóo como presidente de Galicia.

A estrea de Gonzalo Caballero neste debate

Na súa primeira intervención nun debate do estado da autonomía, o actual secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pretende emendar o mandato do líder do PPdeG por considerar que o seu "proxecto está esgotado".

Caballero, prevé subliñar na súa quenda que nos tres anos da actual lexislatura a Xunta non tomou nin unha soa decisión importante "para resolver os problemas dunha cidadanía que sofre os recortes e o desmantelamento dos servizos públicos".

Antón Sánchez, voceiro do Grupo Común da Esquerda

O portavoz do grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, que tamén se estreará como portavoz desa formación, pretende poñer de manifesto as consecuencias para Galicia unha "década negra" co PPdeG á fronte da Xunta que foi prexudicial para Galicia e que tentou tapar con "publicidade e propaganda".

Fronte a iso, o seu grupo tentará propoñer unha "alternativa" articulada na rúa cos movementos feministas, ecoloxistas ou en defensa da sanidade pública.

Pontón denunciará as promesas incumpridas

A portavoz do BNG, Ana Pontón, esixirá que o debate se empregue para abordar o que considera como verdadeiros problemas de Galicia alegando que os galegos merecen un debate no que "Feijóo dea explicacións por incumprir" os seus compromisos.

Entre as súas "promesas inclumpridas", Pontón pretende aludir á súa falta da creación de emprego, de desenvolvemento do ámbito rural, de mellora dos servizos públicos, de investimento público ou de crecemento do autogoberno.

Villares, á fronte do Grupo Mixto

Dous dos temas insignia para En Marea desde que os seus integrantes deron o paso ao grupo Mixto en xuño pasado, o feminismo e o ecoloxismo, volverán ser os argumentos do deputado Luís Villares que, xa de tarde, arrincará a quenda de intervencións dos portavoces da oposición.

Villares cargará contra un decenio que considera negativo para Galicia baixo o Goberno de Feijóo, por castigar á Comunidade a un atraso respecto a outros territorios e a unha maior desigualdade social entre cidadáns, prexudicando as maiorías sociais.

Con todo, e a pesar das discrepancias, o grupo maioritario na Cámara, o PPdeG, aspira a afrontar o debate con intención de chegar a acordos coa oposición e cos "tranquilidade de saber que o Goberno está a cumprir co seu deber”.