Sete conselleiros deixarán de ser deputados para "centrarse nas tarefas de goberno"
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou no Parlamento de Galicia que os sete conselleiros autonómicos que mantiñan o seu escano como deputados do Partido Popular abandonarán o seu posto na cámara autonómica para "centrarse" nas súas tarefas de goberno.
O mandatario galego fixo este anuncio tras o remate da súa intervención durante a sesión de control deste mércores, a primeira do curso político. Só os dous vicepresidentes da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda e Francisco Conde, manterán o seu escano na Cámara. Deste xeito, abandonan o hemiciclo Fabiola García (Política Social), Valeriano Martínez (Facenda), Rosa Quintana (Mar), José González (Medio Rural), Román Rodríguez (Educación e Cultura), Ethel Vázquez ( Infraestrutruas e Vivenda) e Ángeles Vázquez (Medio Ambiente).