Feijóo anuncia que aumentará o gasto social e haberá novas baixadas de impostos

O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo avanzou este martes na súa conta persoal en Twitter que a Xunta aprobará os orzamentos a próxima semana e que estes incluirán novas rebaixas de impostos e unha subida do gasto social.
Son medidas que avanzará mañá durante a súa intervención no primeiro debate de política xeral da lexislatura, indicou Feijóo.
Nunha serie de chíos, o presidente galego indica que está aproveitado "este día solleiro", que tamén é festivo, para preparar o debate e lembra que Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda que faleceu de forma repentina a pasada semana, xa tiña ultimado o proxecto de contas públicas para o próximo ano que debe entrar na Cámara autonómica o vindeiro mércores 20 de outubro.
Aproveitando este día solleiro de outono para preparar o #DEAGalicia21, no que avanzarei que este mesmo ano presentaremos o novo Plan Estratéxico 2021-2030 e que a vindeira semana se aprobarán os orzamentos, que xa tiña ultimados Valeriano Martínez cunha suba do gasto social pic.twitter.com/0JJT9piTnj
— Alberto Núñez Feijóo (@FeijooGalicia) October 12, 2021
Núñez Feijóo tamén di que mañá anunciará que este ano presentará o Plan Estratéxico 2021-2030 e que na súa intervención falará de "melloras na sanidade, nas residencias de maiores e na educación".
"Abordaremos a crise industrial e a necesidade de poñer en marcha medidas para o mantemento do emprego e a oportunidade dos (fondos) Next Generation e as propostas que presenta Galicia", conclúe.
E ao tempo que rexeita "de plano" a subida de impostos exposta polo Goberno, anuncia que a Xunta volverá rebaixar os impostos no próximo exercicio.