CRTVG

Buscar

Feijóo anticipa que haberá que saír á rúa coa máscara no peto a partir do 26 de xuño

Publicado o 21/06/2021 15:15

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anticipou en Vigo que a partir do sábado 26 de xuño haberá que saír á rúa coa máscara no peto ante a posibilidade de entrar nun establecemento, coller un transporte público ou transitar por zonas altamente concorridas.

Durante un acto no IES Politécnico, salientou que o comité clínico "ten toda a autonomía para facer unha proposta sanitaria" sobre o tapabocas, unha vez o Goberno de España derrogue a obrigatoriedade do seu uso no exterior.

Segundo dixo, nestes momentos o grupo asesor do Goberno galego está a deseñar un protocolo pero carecen de calquera información relativa ao borrador que prepara o Ministerio de Sanidade.

"Nin sabemos en que momento, nin en que circunstancias, nin en que espazos, nin con que índices de pandemia, nin con que porcentaxe de PCR positivas, nin con que incidencia a 14 e a 7 días se pode retirar a máscara. Nin se pode facerse en todos os municipios ou áreas sanitarias. Todo isto está sen armar", engadiu.

Feijóo ten claro que a máscara non vai desaparecer de súpeto nos exteriores pero pediu que se deixe traballar ao comité clínico "con tranquilidade" para non caer na "contradición de politizar" unha cuestión estritamente sanitaria.

"É un paso sen dúbida importante (...) neste momento só sabemos que hai unha decisión que o presidente do Goberno fixo pública, pero nada máis", concluíu.

Ampliación de capacidades

O xefe do Executivo galego tamén avanzou unha revisión das capacidades de "distintas expresións sociais colectivas", que poderían pasar do 50 por cento actual ao 60 ou 75 por cento.

"Imos, probablemente, incrementar á alza o número de persoas que poden convivir nun recinto, xa sexa pechado ou aberto", dixo. Malia non especificar actos nin recintos, avanzou que son "unha serie de lugares que están a ser avaliados pola dirección xeral de Saúde Pública en colaboración co comité clínico", que se reunirá este martes.

Noticias web

21/06/2021