CRTVG

Buscar

A hostalería xa poderá ampliar horario este sábado e non haberá toque de queda

Publicado o 07/05/2021 15:20

Este sábado, 8 de maio, os establecementos hostaleiros xa teñen a posibilidade de ampliar o seu horario. Os bares e cafeterías poden pechar ás 23:00 horas e os restaurantes á 1:00 da madrugada.

Segundo confirmou Alberto Núñez Feijóo, na conferencia de prensa posterior ao Consello da Xunta, este sábado é posible aplicar o novo horario dende o punto de vista xurídico "porque temos competencias para concretalo, xa que o estado de alarma desaparece a partir das doce da noite".

De acordo coa súa explicación, o Goberno galego ten competencias para regular os horarios durante o estado de alarma, polo que vai facelo na propia madrugada co obxectivo de non xerar "incoherencias".

Deste xeito, a partir do sábado, os locais de hostalería poden pechar máis tarde e a cidadanía xa non terá que someterse ao toque de queda. "Salvo que estea equivocado, a información que temos é que a asesoría xurídica atopa fundamentos legais para poder adoptar esta decisión", subliña.