Fedea cifra no 36,4 % a taxa de paro efectiva en abril

A Fundación de Estudos de Economía Aplicada (Fedea) calcula que 8,4 millóns de persoas en activo non traballaron no mes de abril, ao sumar a cifra de parados rexistrados, traballadores afectados por un ERTE (3,4 millóns) ou beneficiarios da prestación por cesamento involuntario da actividade. Deste xeito, a entidade sinala que a taxa de paro efectiva é do 36,4 %.
O boletín de Fedea considera esta cifra "extremadamente preocupante se persiste" durante as vindeiras semanas, que se "traducirá nunha dramática deterioración das contas públicas".
Fedea cre que a medida dos ERTE posta en marcha polo Goberno é "a máis importante" das medidas de apoio económico aprobadas, e aplaude o acordo cos axentes sociais para estendela ata o 30 de xuño independentemente da situación do estado de alarma, pero cre que deberían fixarse os criterios para poder seguir empreganod esta medida en caso necesario máis aló da data consensuada.
Igualmente, esta fundación, promovida polas principais entidades bancarias e empresas que cotizan no IBEX 35, sostén que debería eliminarse a obriga de manter o emprego por seis meses despois do ERTE, porque "pode poñer en perigo a viabilidade de moitas empresas".
O informe propón igualmente que unha parte signficativa do fondo de axuda de 16.000 millóns que o Goberno destinará ás comunidades autónomas sexa en forma de créditos e non de axudas non reeembolsables, e que o terceiro tramo se reparta para mellorar o financiamento por habitante axustado das autonomías que están actualmente por debaixo da media estatal.
O 73% do emprego destruído, temporal
Segundo os últiimos datos da Enquisa de Poboación Activa, o 73 % dos postos de traballo destruídos en marzo e abril eran temporais, o que de novo fai emerxer a profunda dualidade do mercado laboral, polo diferente custo da extinción dos contratos temporais ou fixos.
En España hai 4,46 millóns de traballadores temporais, dun total de 16 millóns de asalariados, cifras que deixan a taxa de temporalidade no 25 %, un punto menos que a peche de 2019, pero que segue mantendo a España á cabeza de Europa.
Do 12 ao 31 de marzo destruíronse en España 836.603 empregos (o resto pertence a outras categorías como formación), polo que o 73 % foi temporal. En abril, as cifras chaman máis a atención, 59.080 empregos temporais destruídos fronte a 21.118 indefinidos novos creados. É dicir, todo a destrución de emprego foi en temporais.
"Os ERTE protexeron os indefinidos, hai poucos temporais nestes expedientes", explica o investigador de FEDEA e profesor da Universidade Autónoma Marcel Jansen, que apunta que hai "poucos incentivos" para incluílos nesta ferramenta fronte a deixar extinguir os seus contratos.
Jansen, que ve máis rápida e adecuada a reacción para protexer aos traballadores nesta ocasión, lembra tamén que o mercado laboral entrou nesta crise en peores condicións que en 2008.
"Ademais, España fracasou na solución do problema da dualidade que arrastra desde hai décadas", engade Jansen, quen avanza que volveremos vivir o dano que fai esta situación, especialmente entre os máis novos.
Cada mes, o 90 % dos contratos que se asinan en España son temporais e un de cada catro, ao redor do 27 %, dura menos dunha semana.
Precisamente eses contratos de moi curta duración foron os que foron gañando peso na última década ao pasar de representar o 17 % en 2009 a ese 27 % con especial relevancia na hostalería.
"Existe unha maior taxa de temporalidade e de parcialidade, e a antigüidade media dos traballadores é menor nos sectores máis afectados pola COVID-19", lembraba esta semana o Banco de España nun informe que advertía das dificultades para recolocarse para os afectados.
"Urxe un gran pacto fronte á precariedade", sinalaba o secretario de Estado de Emprego, Joaquín Pérez Rey, na conferencia de prensa para valorar os datos de emprego de abril. Entre os obxectivos do Goberno, antes do estalido da pandemia, sinalouse a necesidade de simplificar as modalidades de contratación para que o contrato ordinario sexa o indefinido e os temporais teñan mellor xustificadas as súas causas.