CRTVG

Buscar

Fanse co control do WhatsApp dunha empresaria luguesa e estáfanlles 600 euros aos seus contactos

Publicado o 01/07/2021 14:06

Unha empresaria de Lugo denunciou que suplantaron a súa identidade en WhatsApp para estafarlles 600 euros a tres dos seus contactos. Para lograr o control da súa conta, os ciberdelincuentes instárona por unha mensaxe SMS a que introducise un código. Unha vez caeu na trampa, os estafadores pedíronlles cartos ás súas amizades coa escusa de que a muller estaba a atravesar unha mala situación económica.

Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo: "A esta persoa alguén lle enviou unha mensaxe e mediante un troiano puido utilizar o seu teléfono a distancia. Polo tanto, podía acceder a todos os contactos de WhatsApp desa persoa. Así puido poñerse en contacto con eles para solicitarlles que lle desen unha axuda porque tiña unhas dificultades económicas".

Para evitar estafas deste tipo, recoméndase falar directamente, e non a través de mensaxes, cos contactos que afirmen que precisan axuda económica. Aconsellan, ademais, non facelo a través de WhatsApp, posto que a conta pode encontrarse en poder dos háckers.

Este novo caso de estafa a través de WhatsApp en Lugo vén sumarse aos denunciados hai días en Sarria, onde os ciberdelincuentes tamén conseguiron centos de euros co mesmo modus operandi.

Noticias web

01/07/2021