Fanlle pagar dous billetes de avión para levar a máquina de diálise
Esta maleta é o ril de Ramón. Dende o 2015 ten que recibir diálise máis de nove horas diarias, pero voar coa cicladora suponlle sempre un problema. Na última viaxe que mercou, a París, Vueling obrigouno a comprar un asento a maiores para este vulto.
"O que pedimos é que nos deixen viaxar coa maleta, sen ter que pagar, claro! Temos dereito, o que pasa é que as liñas aéreas fan o que queren".
A viaxe a París, hai case un ano, tivo que cancelala pola pandemia e non foi ata este venres pasado cando lle devolveron os cartos grazas á reclamación de Facua que tamén denunciou que Vueling o obrigara a mercar dous asentos.
Víctor Muñoz, FACUA: "Existe unha clara discriminación con respecto á xente que ten unha eiva física e aínda por riba ten que pagar outro asento, co cal entendemos que iso non debería pasar nin neste caso nin noutro caso que se poida entender que existe a mesma discriminación".
Xa no 2017 Ramón sufrira algo parecido, viaxou a Roma coa familia, en principio a compañía aérea non puxo pegas, pero despois impedíanlle pasar á cabina coa maleta, un mal trago que non quere volver pasar.
Ramón Rodríguez di que "é un abuso, porque hai unha lei europea que nos permite a nós viaxar, nós temos todo o dereito a viaxar e a maleta non pode ir na bodega porque pode romper, pódena extraviar, e ti imaxina que eu quedo en París sen a cicladora".
Di que ata que non haxa unha solución para todos os doentes de ril non ten pensado viaxar en avión, e insiste en que esta maleta é para eles vital.