CRTVG

Buscar

Novo cribado en Lobios ao disparárense os positivos por covid

Publicado o 15/05/2021 14:11

O pavillón municipal de Lobios acolleu esta mañá un cribado masivo, para 600 persoas, coa intención de frear a expansión da covid, que xa deixa 16 positivos neste pequeno concello de 1.700 habitantes.

Aos poucos ía chegando a xente ao pavillón de Lobios. Por grupos, de matrimonios, pais e fillos... concienciados coa importancia de faceren a proba.

"Para estar prevenida, estar máis tranquila". "Para que nos coidemos e ver se vai mellorando, porque se non, estamos mal", din dúas veciñas.

É o segundo cribado en tres semanas. Seiscentas persoas de cada vez. Algunhas repiten.

"Xa é a segunda que veño. Hai 21 días que vin. Se temos algo, sabelo canto antes", comenta unha muller.

O virus espallouse rapidamente, a partir de dous gromos familiares, un deles con negocio de cara ao público. Co cribado trátase de detectar se chegou máis alá dos contactos rastrexados.

Mercedes Touriño, enfermeira do covid-auto: "Para detectar as persoas asintomáticas, é o máis importante, para evitar que se siga propagando, especialmente nestas zonas onde pasaron de moi poucos casos a bastantes".

Con 16 casos activos nunha poboación de 1.700 habitantes, a incidencia acumulada case duplica os cincocentos casos por cada cen mil habitantes polo que os veciños calculan que a próxima semana lles aplicarán as restricións máximas.

"Cando hai bastantes positivos, os que temos que saír por traballo estamos máis expostos, pero, que se lle vai facer?" "Volverán pechar outra vez e volvemos para atrás, en vez de ir a mellor", din dous veciños.

Agora mesmo, están xa en nivel alto, coa hostalería pechada no interior.

Noticias web

15/05/2021