CRTVG

Buscar

Familiares e tripulación da fragata Méndez Núñez celebran en Ferrol o seu retorno tras catro meses de manobras

Publicado o 26/06/2021 15:18

Nun acto de gran solemnidade, unha comisión da Armada dáballe a benvida á fragata Méndez Núñez no peirao do Arsenal Militar de Ferrol.

Tras 114 días navegando polo Mediterráneo e polo Mar Negro, esta mañá as familias da tripulación esperaban con especial emoción a chegada do navío.

"Vaise levando pero botándoo moitísimo de menos", era o comentario máis común entre os que esperaban no peirao do Arsenal.

Foi a primeira vez que se lles permite a familias e tripulación xuntárense no peirao dende que comezara o confinamento pola covid e a espera semella que pagou a pena.

"Despois dunha navegación longa como esta dá gusto voltar a casa e atopar os teus seres queridos", comentaba un tripulante baixo os ollos expectantes da súa nai: "Moi emocionada. Ademais estámoslle dicindo que adelgazou, así que foi que se coidou. Ademais as cervexas tamén inflúen pero moi contenta de que estea".

Durante catro meses a fragata Méndez Nuñez, con base en Ferrol, actuou como buque insignia dunha das frotas de reacción inmediata da OTAN e así laudaba o seu traballo Santiago Vila Barrón, comandante da 31ª escuadrilla de superficie: "Agradecerlles o enorme esforzo que fixeron para listar o barco e operalo, durante o despregamento na agrupación naval número dous, e darlles a noraboa polos estraordinarios resultados que obtivo o barco". Mentres o Capitán da fragata Méndez Núñez nesta misión, Antonio Estevan García, referíase as dificultades que atravesaron: "Restricións moi severas para garantir que mantiñamos a burbulla covid e que somos quen de cumprir a misión, como así foi. Foron condicións restritivas pero a dotación portouse de xeito estraordinario".

Con esta misión remata o liderado dun ano da Armada española no operativo da Alianza Atlántica, á espera de novos retos.
 

Noticias web

26/06/2021