Dous novos falecementos esta tarde elevan a 650 as vítimas pola covid-19 en Galicia
• A morte de dous varóns de 92 anos e 74 anos que estaban ingresados no CHUS e no HULA eleva a 650 o número de falecidos en Galicia
• Pola mañá confirmárase a morte dun home no CHUAC, dúas mulleres no HULA e outro home no mesmo hospital | As dúas mulleres eran usuarias da residencia do Incio
• É a primeira vez en catro meses que as autoridades galegas comunican máis de catro falecementos nunha mesma xornada

Esta tarde confirmouse o falecemento de dúas persoas máis diagnosticadas por coronavirus en Galicia. Trátase de dous varóns de 92 anos e 74 anos que estaban ingresados no CHUS e no HULA, respectivamente. Ambos os dous presentaban patoloxías previas.
Esta mañá confirmábase tamén a morte dun home de 82 anos, ingresado no CHUAC; dúas mulleres de 94 e 86 anos que estaban ingresadas no HULA e eran usuarias da residencia do Incio, e un home de 84 anos, tamén ingresado no hospital lucense. Todos eles presentaban patoloxías previas.
Cos seis rexistrados hoxe, a cifra total de falecidos pola covid-19 en Galicia ascende a 650.
Así mesmo, dende o inicio da pandemia curáronse 12.879 persoas e practicáronse 344.011 probas PCR.
O número de casos activos de coronavirus é de 3.847, segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Isto supón 105 casos activos máis ca onte e 217 novos contaxios.
ÚLTIMA HORA | Falecen catro persoas nas últimas horas e soben en 105 os casos activos en Galicia. Máis datos en https://t.co/Ll14fYU9Ds pic.twitter.com/yFVwlWtozS
— G24 (@G24Noticias) September 2, 2020
Descenden os casos activos na área sanitaria da Coruña, son 16 menos ca onte. Por outra banda, o maior incremento dáse en Santiago, con 37 máis.
O reparto por áreas sanitarias queda do seguinte: 1.387 (-16) son da área da Coruña, 786 (+27) da de Lugo, 362 (+19) da de Ourense, 250 (+17) da de Pontevedra, 269 (+16) da área de Vigo, 644 (+37) da de Santiago, e 149 (+5) da de Ferrol.