CRTVG

Buscar

Falece Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda e Administración Pública

Publicado o 06/10/2021 20:57

• Nacido en 1961 en Cangas, Martínez era o máximo responsable das contas públicas galegas desde febreiro de 2015

Así foi o discurso da toma de posesión no 2015

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, faleceu este mércores aos 60 anos.

Segundo informan fontes do Goberno galego, o falecemento produciuse a causa dunha parada cardiorrespiratoria, mentres se encontraba traballando no seu despacho. 

Nacido en 1961 en Aldán (Cangas), Valeriano Martínez estaba casado e tiña un fillo. Ostentaba a carteira de Facenda desde febreiro de 2015. Tomou nese momento a remuda de Elena Múñoz.

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago, Valeriano Martínez era tamén diplomado en Xestión de Xerencia Hospitalaria. De feito, entre outras responsabilidades, fora director xeral de Recursos Humanos do Sergas.

Valeriano Martínez tamén ocupou os postos de dirección xeral de Transporte, auditor do Consello de Contas de Galicia e secretario xeral da Presidencia da Xunta. Foi dúas veces elixido deputado no Parlamento de Galicia.

Tras coñecerse a noticia do falecemento, o presidente da Xunta e os conselleiros decidiron suspender todos os actos que tiñan previstos nas súas axendas. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, diríxase cara a Vigo para asistir a feira Conxemar pero anulou a visita ao coñecer a noticia.

Na súa conta de Twitter, o presidente da Xunta expresaba o seu pesar polo pasamento do conselleiro. Fala de Valeriano como "unha das persoas máis brillantes que coñecín" e "servidor público extraordinario".

O Goberno galego enviou as condolencias á familia e amigos de Valeriano Martínez, ao que lembraron como un traballador público "que sempre estivo ao servizo do pobo de Galicia". No edificio administrativo de San Caetano, sede da Xunta de Galicia, as bandeiras penden a media hasta.

Ao saberse o seu falecemento, sucedéronse as mostras de condolencia. No Partido Popular de Galicia destacan del o baleiro persoal que deixa.

Desde os partidos da oposición, tanto a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, como o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, expresaron o seu pesar polo pasamento de Valeriano Martínez.

Tamén no Congreso se gardou un minuto de silencio na súa memoria. A iniciativa partiu do presidente da comisión, Celso Delgado, que comunicou a "triste noticia" aos parlamentarios e destacou que era "un servidor público" coñecido por todos pola súa labor á fronte de Facenda desde o 2015. 

O delegado do Goberno en Galicia trasladoulle á Xunta as súas condolencias en nome do Executivo central e enviou tamén todo o seu agarimo á familia e amigos de Martínez. Tamén Yolanda Díaz colgou no seu perfil de Twitter un chío no que envía as súas condolencias á familia do conselleiro.

Noticias web

06/10/2021