CRTVG

Buscar

Falece un home de 63 anos nunha colisión entre dous coches en Teo

Publicado o 18/10/2021 16:35

Unha persoa morreu e outra quedou ferida ao colidiren dous coches na N-550 á altura do Faramello, en Teo, arredor das 15:45 horas.

A persoa falecida era un home de 63 anos, con iniciais C. C. M., que quedou atrapado dentro do vehículo. O ferido é un rapaz de 24 anos, con iniciais H. L. F., que foi trasladado ao CHUS. Nos dous vehículos implicados viaxaban só os condutores. Co golpe, xiraron sobre si mesmos e quedou claramente máis danado o Opel Corsa en que viaxaba a persoa falecida.

O falecido era moi coñecido na zona onde traballaba de mecánico. A Garda Civil investiga agora cal dos dous vehículos, se o Opel Corsa que circulaba en dirección a Padrón, ou o Golf, invadiu o carril contrario e foi o responsable do accidente. O sinistro obrigou a pechar o tráfico varios carrís da nacional ata que arredor das 6 da tarde puido restablecerse a circulación con normalidade.

Os servizos sanitarios desprazaron un helicóptero e ambulancia asistencial ata o lugar do sinistro, pero non puideron facer por salvar a vida da vítima. Achegáronse tamén bombeiros de Boiro, GES de Padrón, Garda Civil de Tráfico e Policía Local.

Noticias web

18/10/2021