CRTVG

Buscar

A gota fría no Levante deixa catro mortos e 3.500 evacuados

Publicado o 13/09/2019 17:11

Valencia, Alacante e as Baleares están en alerta vermella por chuvia moi intensa. A AEMET calcula que aquí, nesta zona da Comunidade Valenciana, vanse dar novamente precipitacións intensas e concentradas. Murcia e Almería xa pasaron o peor, e o nivel de alerta baixou a laranxa, pero a DANA deixa un regueiro de danos.

Centos de evacuados, infraestruturas estragadas e catro vítimas mortais. A última, hai escasos minutos en Jámula, Granada, onde polo menos unha persoa morreu atrapada nun coche. Ademais, esta noite en Almería, un home perdía tamén a vida cando o coche en que viaxaba accedeu a un túnel anegado.

Pasadas as cinco e media da mañá, a Policía Local de Almería dispúñase a cortar o paso subterráneo da estrada de Níjar, cando un vehículo accedeu ao túnel e quedou atrapado. Segundo as testemuñas, a escuridade e a pendente de baixada impediron que o condutor se decatara a tempo da cantidade de auga que había no interior, que enseguida anegou o coche. Un policía local tirouse para intentar rescatar os ocupantes.

Conseguiu salvar dous pasaxeiros, pero non puido facelo co terceiro, un home de mediana idade de orixe subsahariana. Horas despois, o dispositivo de rescate de bombeiros e mergulladores da Garda Civil recuperaba o cadáver.

Nestes momentos os servizos de emerxencia tratan de rescatar un coche que quedou mergullado nunha rambla da autovía A-92 na localidade granadina de Jámula, con alomenos unha pesoa falecida dentro. Onte, dous irmáns, de 61 e 51 anos, faleceron tamén no seu vehículo, que foi arrastrado pola auga na localidade albaceteña de Caudete.