CRTVG

Buscar

Falece unha muller de 72 anos atragoada no parque forestal do Vixiador en Vigo

Publicado o 18/04/2021 20:56

Un domingo de lecer no parque forestal do Vixiador rematou de forma tráxica para unha muller que pasaba o día coa familia. Segundo Óscar Domínguez, presidente da comunidade de montes de Candeán: "Unha veciña que estaba disfrutando, viño para chamar a emerxencias, ao 061. Dixo que se estaba afogando unha señora e se sabiamos de alguén pque puidera botar unha man. Deseguido saiu unha enfermeira otros que non sei se tiñan titulación, e intentaron reanimala".

Malia aos esforzos, a muller de 72 anos quedou inconsciente e cando chegou a ambulancia, xa non puideron facer nada por ela. Nestes casos é fundamental actuar con prontitude facendo as manobras básicas de reanimación mentres se chama a emerxencias. Se a persoa é capaz de falar, hai que facela tusir para limpar a vía aérea superior.

Camilo Cores, médico asistencial do 061: "Se esa persoa non é quen de falar, leva a man á gorxa e nada mais que fai un estridor, hai que inclinala cara adiante e darlle cinco golpes secos no medio das escápilas, tentando mover o corpo estrano. Se non podemos, o que hai que facer é a manobra de Heimlich, poñendo un puño por baixo de onde xusto remata o esterno, a outa man enriba, e apretando cara adentro e cara arriba en cinco apertóns bruscos".

En caso de perda de coñecemento e imposibilidade de limpar a vía aérea, hai que facer as manobras de reanimación cardiopulmonar mentres non cheguen os servizos de emerxencia. Poucos saben como facelo. Unhas técnicas que salvan vidas e que se están a ensinar nalgúns centros escolares para que se aprendan dende ben cativos.

 

Noticias web

18/04/2021