CRTVG

Buscar

Falece unha muller de 38 anos por mor da covid−19 na Coruña

Publicado o 07/07/2021 19:43
Falece unha muller de 38 anos por mor da covid−19 na Coruña
AXENCIAS

Unha muller de 38 anos que estaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) faleceu nas últimas horas en Galicia tras ser diagnosticada de coronavirus.

É a quinta vítima da pandemia en Galicia que ten menos de 40 anos e, segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade, sufría patoloxías previas.   

A morte desta paciente confirmouse este mércores, aínda que ten rexistro do martes 6 de xullo, segundo os datos achegados pola Consellería de Sanidade aos medios de comunicación.   

Os datos da propia Xunta recollen que no que vai de pandemia, Galicia rexistrou 2.439 falecidos (con esta última notificada). Catro, incluída esta muller, eran menores de 40 anos, entre eles un mozo de 28 anos que vivía na residencia de Doral, en Mos (Pontevedra).

Ademais, unha muller de 31 anos, tamén con patoloxías previas, faleceu o pasado mes de febreiro. No mesmo mes, outro mozo desa mesma idade veciño do poboado do Vao, en Pontevedra, tamén morreu ingresado no hospital de Pontevedra.

Na primeira vaga da pandemia morreron dous mozos en Galicia: unha muller embarazada, co seu bebé, en marzo de 2020 e en abril dese mesmo ano o actor Esteban Yáñez (Ferrol, 1984), con 35 anos, que tamén fora diagnosticado con covid−19 e estaba enfermo desde había anos, segundo el mesmo relataba na súa conta de Twitter (@Snob), na que era moi activo e na que explicou que contraera a covid−19.

Noticias web

07/07/2021