Falece pola picadura dunha avespa velutina un veciño de Raxó, que era alérxico
Publicado o 24/05/2020 12:05

Un home de 73anos faleceu esta mañá na localidade pontevedresa de Poio como consecuencia da picadura dunha avespa velutina.
Ao parecer, a vítima era alérxica e foi atacada na mañá deste domingo nas inmediacións da súa casa, en Raxó. Policía Local, GES de Sanxenxo, Protección Civil de Poio, Garda Civil e Urxencias Médicas acudiron ao lugar dos feitos pero nada puideron facer, e un pouco antes das doce do mediodía confirmouse o falecemento do veciño.
A muller do finado tamén sufriu as picadas dos insectos pero está fóra de perigo. Este suceso ten lugar despois de que o domingo 10 de maio outro home de 54 anos morrese en Santiago tras sufrir a picadura dunha avespa asiática na contorna da súa vivenda.