CRTVG

Buscar

Prenden un home acusado de matar dunha malleira na rúa a un veciño de Carballo

Publicado o 14/04/2021 15:05

Un carballés de 54 anos de idade faleceu como consecuencia dunha brutal agresión sufrida en plena rúa. Os feitos sucederon sobre as seis da tarde deste martes na céntrica rúa Vila de Corcubión, xusto en fronte do instituto Alfredo Brañas de Carballo. Segundo testemuñas presenciais dos feitos, a vítima discutiu cun mozo de 25 anos de idade, natural de Colombia, con residencia na capital de Bergantiños. 

Nun momento dado, e cando parecía que o intercambio de miradas e palabras non ían ir a máis, o mozo, presuntamente, virouse, empurrou por detrás o seu opoñente e emprendeuna a golpes con el.  O home perdeu a consciencia, entrou en coma e foi trasladado de urxencia ao CHUAC para ser intervido das graves feridas. Faleceu horas despois.

O suposto agresor foi detido pola Policía Local en relación con estes feitos e atópase nos calabozos do cuartel do instituto armado á espera de pasar mañá a disposición xudicial.

 

 

Noticias web

14/04/2021