CRTVG

Buscar

Morre un home e o seu fillo está hospitalizado ao envorcar unha lancha en Viveiro

Publicado o 31/03/2021 14:43

Un veciño de Lugo, de 66 anos, morreu ao envorcar a lancha coa que estaba a pescar nas inmediacións da illa de Area, en Viveiro. Tratábase dun garda civil retirado que estaba acompañado do seu fillo, axente da comisaría luguesa. Dous policías nacionais, que estaban fóra de servizo, deron aviso a emerxencias, e de inmediato foron rescatados polo helicóptero de salvamento Pesca 2. Ambos os dous foron trasladados ao hospital da Mariña, pero o pai non sobreviviu.

Carlos Ferreira, comandante do helicóptero de salvamento Pesca 2: "Atopamos a primeira persoa, que era o pai, inconsciente na auga, e collémolo rápido xa pensando que podía haber alguén máis. Saímos a toda velocidade cara ao hospital, facéndolle reanimación, e xa estaba todo preparado ao chegarmos. A verdade é que foi todo moi rápido. En dez ou doce minutos desde que arrancamos xa estabamos chegando ao hospital. Deixámolo e xa nos notificaron que había outra persoa, á que uns policías nacionais fóra de servizo axudaran para chegar á beira".

O naufraxio puido deberse ás malas condicións para a navegación. Había mar de fondo do noroeste, con ondas de entre dous e tres metros.

Carlos Ferreira, comandante do helicóptero de salvamento Pesca 2: "Hai bastante mar de fondo. A dirección do mar non era habitual de onde viña, e entón estaba bastante máis forte do que debería estar para as condicións que había onte".

Para evitar sucesos coma este, dende Salvamento instan as tripulacións das embarcacións de recreo a que leven posto en todo momento un chaleco salvavidas.
 

Noticias web

31/03/2021