Falece un operario nas Somozas tras envorcar a máquina con que traballaba

Un traballador da empresa Xiloga, de 54 anos, veciño de Ortigueira (A Coruña), faleceu a última hora da tarde deste luns a consecuencia das feridas ocasionadas no accidente laboral que sufriu horas antes, sobre as 17:30 horas. O operario sufriu un envorco coa máquina coa que desenvolvía o seu labor, un 'lagarto' e quedou atrapado no seu interior.
O accidente produciuse nesta empresa de reciclaxe situada no lugar de Marbán, na parroquia de Seixas, no municipio das Somozas (A Coruña), no recinto da compañía para a cal o home traballaba. Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros do Eume, con sede nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña), e excarceraron o traballador ferido, que unha vez liberado foi trasladado en ambulancia ata o Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, onde faleceu horas máis tarde.
Ao lugar tamén se desprazaron axentes da Garda Civil. Está previsto que a autopsia se realice á primeira hora da mañá deste martes no Hospital Naval de Ferrol.